Opinión

Campaña e nanólogo

Opinión

Campaña e nanólogo

Empeza a campaña electoral. Sorrío. Gústanme. Incluso vou a algún mitin. Non moitos, a verdade. Busco sitio discreto para observar e para poder marchar cando me pete. Nas primeiras, alá polos setenta e tantos e oitenta e poucos, fun a moitos no pavillón dos Remedios. A algún canda o meu avó Tono. Ilusionado estaba con Felipe, o que fora vello socialista e ugetista besteiriano ata a revolución de Asturias cando se separou da insurrección contra a República e deixou de ser tesoureiro das Xuventudes Socialistas. E gústame observar as postas en escena, os protagonistas e o público. Mirarlles os ollos aos que falan -aínda que sexa de lonxe- para ver se se lles escapa algo de si ante o personaxe que están obrigados a representar. Gústanme humanamente os entusiasmos das bases que aplauden sempre e vén a vitoria á volta do camiño. 

E desta vez, vólveme gustar o sorriso encantador e ilusionado de Noa nos carteis. Sentoulle ben a lexislatura. Xa non parece unha alumna de segundo de bacharelato; agora é máis muller. Gústame a elegancia, a compostura e eficacia de Marisol. Gústame a prestancia de Marina, aínda que dela non sei nada fóra das campañas. Gústanme esas tres mulleres á fronte das tres opcións na provincia, non por mulleres —nada máis lonxe da miña idea que as preferencias sexistas— senón porque me parece que transmiten ben, ideas e imaxe.

E gústame máis a proximidade ás raíces que declaran cos primeiros actos Ana Pontón, coa nai e co pai, na súa aldea de fermoso nome (Chorente) relacionado coas flores, aínda a través do nome do seu primeiro posuidor romano Florentius. Ou a de Alberto Núñez, a pesar da pancarta excesiva —“Gracias por cuidarnos”— nos seus Peares; nome que vén duns piares -paso, poldra, para pasar a pé o río, ou se cadra duns piares dunha ponte de madeira-, en calquera caso imaxe posible da superación das dificultades do tránsito. Si. Gústanme máis estas achega á raíz e o que evocan que un, perdóenme os amigos do PSOE, vello autobús inglés de dous pisos, un tanto demodé.

Ben. E os logos. Os do BNG e o PSOE constantes. E o do PP, tamén. Nas galegas... constantemente microscópico. Onde estea Alberto Núñez, que se saque o logo. Collo a regra e mido o anuncio do xornal: 32 cm, ou sexa 320 mm. O logo, co paxaro, mide á penas 3 mm, o 1%. Si. O candidato sabe que non gaña nada coa imaxe do partido central. E loxicamente ao ser presidente, xoga a baza institucionalista. E a el e aos artífices, supoño, encantarialles que volvesen criticar o tamaño nanólogo porque é o búmerang perfecto. Lembro retranca nalgún debate: “E logo cre vostede que alguén en Galicia non sabe que son o candidato do PP? Alguén pensará que o son do PSOE? Ademais, Galicia por diante do partido sempre”. Si. Calquera alusión ao tema, en bandexa para o morador de Monte Pío. 

En fin, eu, que me engano moito, visto o arranque da campaña, intúo: O PP refórzase, 42. O BNG zuga a maioría das Mareas, e convértese en segunda forza con 16 deputados. O PSOE seguirá de terceiro cos mesmos deputados, 13, pois o que sorbe por un lado, pérdeo por outro. Os fieis a Podemos, quedan nuns 4. O resto dos partidos, como naquelas pipas da nenez: “Que rica la Pilarica repita”. Que ninguén se alegre nin se preocupe, acerto pouco.