Opinión

Campás para Don Xoaquín

Son cerca das dúas. Día suave e luminoso. A atmosfera, diáfana, transparenta unha paisaxe de horizontes galegos e portugueses. Aldeíñas zarraspicadas aquí e alá enchen varios planos entrecruzados todo ao redor. O Leboreiro. O Xurés. O Val. A Limia. Son as terras dos nosos mares do sur: O Salas, As Cochas, Lindoso... Acaríña as caras un airiño suave. A vista, marabillosa. Todos os sitos que se chaman O Viso, como nos ensina a historia da lingua, invitan á contemplación. E este, Viso, coa súa ermida da Nosa Señora, nas terras de Lobeira, lobeiriña, súa terra, non había ser menos. 

E comeza o campaneiro, ilusionado en compartir a súa homenaxe íntima e persoal. E fai repenicar tan-ta-ran-tán, tan-ta-ran-tán, tanta-ran-tán entrambas campás, agarrando cada badalo cunha man. Alí, na cima, empoleirado na espadana, abrazado á pedra, como leva facendo xa setenta e dous anos... Tan-ta-ran-tán, tan-ta-ran-tán, tanta-ran-tán... E miro ao redor, emocionado coas lembranzas, e vexo, presentes novos e vellos. Vexo amigos de Santiago e do Museo do Pobo como Xusto Beramendi e María Xosé Rodríguez... Vexo veciños da Grou e de Lobeira co seu orgulloso alcalde, Antonio Iglesias, á fronte. Vexo a Valentín García, de Política Lingüística, feliz, gravando co móbil, sen perder nada. Vexo a Foxo escoitando respectuoso a música dos sinos, con dous rapaciños gaiteiros para honra dos actos. Vexo a Rosendo Fernández lembrando os seus inicios de médico en Lobeira. Vexo, feliz, a Miguel Santalices, natural destas terras, amigo da familia, impulsor desde o Parlamento deste encontro en lembranza do trinta aniversario da morte de don Xoaquín Lorenzo, xa “Xocas” para todos, coa amizade que proxectou a morte... E penso que se o acto de descubrir a placa na súa casa de Grou foi emotivo, esta parada sobrevida na cima do Viso é o momento e a circunstancia ideal, sen dúbida, para reencontrar a don Xoaquín. 

E miro mellor, coa verdade dos ollos do corazón, e vexo alí, tamén, escoitando o tan-ta-ran-tán do repenique, a don Xoaquín Lorenzo, que, por raro caso, don Xoaquín non chora; ri, feliz de sentir de novo as campas da ermida do Viso. Tan-ta-ran-tán, tan-ta-ran-tán, tanta-ran-tán. Todos os veciños do val, sábeno. Repenican e non é o día da romaría, porque é día homenaxe a don Xoaquín... hai trinta anos xa que marchou. Por iso o repenique é máis floreado, máis vivo e intenso, máis ledo. E miro ben, e está con Santos Junior. Está con Ferro Couselo. Está Carlos García Martínez. Está con Fernando Acuña. Está con Gustavo Santiago Valencia, con Manolo Taboada, coas Cuevillas, coa súa prima de Vilagarcía, con Pepe Lino Monxardín... Con tantos outros que nin conto. Xa rematou a misa de Monseñor Arauxo. Xa concluíu a actuación da Coral de Ruada. Xa botaron os foguetes... A festa esmorece, esvaese na morneza da felicidade. 

E pois si. O acto do venres pasado en Facós estivo ben. O da tarde, na vella biblioteca da Deputación, tamén estivo ben. Pero don Xoaquín estar, estivo, co sol no alto, no Viso. Porque as campás soaron para el e para as lembranzas, súas e nosas.

Te puede interesar