Opinión

Cantata do Toní Cantó (e doutros)

Eu non lles tendo nada a dramatizar as cousas; por iso canto escoitei ao Toni Cantó dicindo que o castelán desaparecera de Galicia, escachei de risa e pensei no difícil que o tiñan os de Ciudadanos porque nunca deron, no noso, unha a dereitas, e agora, por riba, faltábannos ao respecto. En fin. Cousas da política, pensei. E rin inda máis ó ver o vídeo que subiu ás redes a moza Baia Fernández, quen cunha lóxica humorística e esmagadora se dirixía ao Cantó: “Se pensas que o castelán desapareceu xa de Galicia, como queres que poidan vir funcionarios que só falen castelán? Como se entenderían coa xente?”. E acaba recomendándolle descanso ou vacacións. E para min, aí, rindo, morría o conto. 

Pero un meu amigo, máis susceptible e atento, comentoume que os deputados do PP de Galicia, todos, votaron a favor da proposición de lei -que saíu derrotada, por certo-. Así que fun á páxina do Congreso e lin a proposta para facer unha idea directa. Entendo que no xogo político de arestora -uns contra outros, todo vale- cun goberno moi minoritario con treboadas diarias e co tema catalán en evolución impredicible, poden pensar que é rendible a curto prazo encirrar a agresividade monolingüista da España central; mais deben saber que a longo, é un disparate, porque atolda a convivencia con problemas irreais.
E sorprendeume a dureza das expresións nos papeis. Falan, por exemplo, de que a esixencia de saber falar linguas distintas do castelán nas comunidades bilingües fai “diferencias irracionales y desproporcionadas que sólo pretenden establecer barreras que dificulten el ejercicio por los españoles de derechos y libertades”... “Sin embargo se ha pervertido esta protección (a das outras linguas) hasta la ruptura del espacio de libertad de los españoles”. Mi madriña! O que a proposición argumenta é que debe ser un mérito, pero non un requisito... e sinala que o “mérito se ha de valorar, por el legislador, no de manera libre porque, si así fuese, se conseguiría frustrar el objetivo”... E insiste, duro, “no un requisito, que fractura España”. En fin, non sigo, que xa lles dixen que non me gusta dramatizar. Pero se na defensa da proposición de lei se di que o castelán desapareceu de Galicia, pois parece tema de “drogha no colacao” da súa señoría.

En fin, podería ir a Madrid un funcionario que non falase castelán? Pois a Galicia tampouco un que non fale galego; e xa está: natural e sen problemas. E dóeme que 12 deputados galegos do PP, incluso os mesmos que hai un ano se esforzaron na declaración unánime do Parlamento Español do “Día das linguas ibéricas”, escorreguen agora, opóndose incluso á nada radical política lingüística da Xunta de Galicia. 
Unha vez, falando por teléfono cun deputado amigo que estaba no hemiciclo, contoume que estaba esperando ver a man do seu voceiro para ver se tiñan que votar a favor ou en contra: discutían na tribuna se os estudos de auxiliar de fogueteiro deberían ser un ciclo superior ou ciclo medio da FP; e el non estaba no allo. 
Pero este tema e o de como manifestar ese cariño que ben lle cómpre á lingua do país -que moitos deses deputados falan e aman, estou seguro- non deben ser asuntos nimios, e deben ter eles opinión clara e rexa e nunca mesturala con acordos e trapalladas entre grupos por cuestións de política pequeneira. Porque o erro dese apoio no Congreso pode que os fagan máis amigos dos Ciudadanos eses, pero menos das Xentes estas. Ou sexa, dos galegos de noso.

Te puede interesar