Opinión

Carreira aos absurdos

"O comer e o rañar, todo é empezar”, di un vello dito que, pese a ser bastante pailán e groseiro, non deixa de sinalar verdade. E así é. Ás veces un empeza a dicir parvadas e outro séguelle o fío e, así, espiral ascendente deica o paroxismo. E cando pensamos en espirais que soben, podemos lembrar unha fábula clásica que compense o vulgar comezo do artigo. Imos alá, pois. Minos, rei de Creta, retivo o arquitecto do labirinto, Dédalo, e o seu fillo, Ícaro, para que non puidesen revelar os seus segredos. Pero, farto do dolce far niente, Dédalo fabricou en segredo unha alas para el e outras para o rapaz e ensinoulle a voar. E díxolle, antes de saíren da illa, que non voase demasiado baixo porque a escuma do mar mollaría as plumas e non podería voar, nin alto de máis, porque o sol derretería a cera coa que estaban trabadas as plumas e levaría golpe de moito nabizo. O rapaz, claro, non fixo caso e subiu, subiu ata que caeu de golpe -nunca mellor dito- e zas!, fotocopia contra o chan; morre o conto e nace a lenda. 

E si, na carreira da linguaxe algúns non conseguen o atractivo planar de Dédalo senón que voan en perigosa espiral ascendente e fan que moita xente fuxa para que non lles caia enriba Ícaro.

Creo que hai carreira aos absurdos porque unha vez desaparecido o sistema do Leste que servía de atractiva vacina a unha parte da xuventude desacougada de Occidente, mudou aquel eixo de loita por distintas pelexas moi aguerridas, focalizadas en cousas parciais, sen tecer, que non cuestionan nada e soan a verba oca, útil, incluso, a todos para vernizarse de modernidade. Moitos discursos lémbranme aquelas bromas de columnas de palabras coas que combinando escollas de cada unha, saía un discurso estrambótico con aparencia de máximo nivel. Teño que recoñecer que cando redactei a memoria para as Cátedras, xunto coa parte sería que traballei debía incluír outra de palla teórica que intuía que o tribunal nin lería, e para a que usei un esquema de columnas que circulaba con palabras ad hoc de moda na verborrea pedagóxica do momento (tipo propedéutico, implementar, etc.) e a compañía de Jack Daniels que me ía aconsellando as escollas.

En fin, nunha destas espirais ascendentes andan os animalistas. Como calquera colectivo radical pequeno e cunha percepción ahistórica da realidade, tenden a crer que a súa é a única verdade posible, sen matices. E lémbranos estes días algunha prensa o seu disparate de quereren fedellar, tamén, nesa linguaxe que sen máis pretensión que a de entendernos, formamos inercial e sabiamente ao longo dos séculos. Seica hai que eliminar a linguaxe “anti-animalista” e non dicir, por exemplo, “matar dous paxaros dun tiro”, senón “alimentar dous paxariños co mesmo pan”; e en vez de “coller o touro polos cornos”, deberíamos dicir “coller a flor polas espiñas”; e en vez de “levarse coma o can e o gato”, pois, simplemente “non levarse ben”. Ducias. En fin, a marabilla de que o falar non teña cancelas vese agora nestes tempos de debilidade do canon cultural e social afectada polo mal da hipervisibilidade igualitaria das ideas -sensatas ou insensatas- a través das redes. E esta parvada pura ridiculiza o traballo dos Cousteau, Rodríguez de la Fuente, da National Geographic, etc., auténticos Dédalos, arquitectos da sensibilidade actual coa natureza. En fin, digo eu, “a cabra co vicio dá cos cornos no cu” e non sei como traducirllo, a eses Ícaros, toleiróns e destemidos. 

Te puede interesar