Opinión

Cartos e mérito do emérito

Vénlle a cousa de devecer polos cartos ó Juan Carlos, din, de que cando neno viviu algo apertado na súa Italia natal ou no Portugal da nenez. O avó, cando marchara de España, alá por 1931, non levara o papo cheo e o fillo, don Juan, tampouco tivo moito onde munguir. Sempre cobizou a sorte dos parentes de Londres e recomendoulle ó fillo casar cunha rica... e escolleu unha locutura. Pero a historia non lle foi fácil ó italiano. A morte do irmán, xogando con el con armas -(as) quebranto e chanto por quanto moi perigosas son, dicía Afonso X, o único rei que pasou por sabio-; o que llo entregasen a un tipo tan romo intelectual e cutre vital como Franco para que o educase... Ata que o ferrolán acabou morrendo e el perxurou -graciñas- do que xurara dun Movimiento que non se movía... En fin, o home casou cunha “profesional” formada e culta, e xa sabemos todos como foi a cousa... fillos, distancia, motos, mozas, 23 -F, elefantes, abdicación, bronca coa nora e coa muller, repudio, etc. Nada que obxectar, pola miña parte. Os líos de familia, colmillos ou cornos, son cousa deles. 

Eu, en positivo, quero lembrar que impulsou o cambio de réxime ata facer un sistema como outro calquera, e conseguiu unha proxección no mundo hispanoamericano que non podería ter feito ningún presidente de república. Bastante mérito tivo o emérito que entre fachas dunha parte e da outra -golpistas por aquí, e ETA -FRAP-GRAPO por alá- non tiña traza de saír ben. Isto é así, resumido e con bos ollos. 

Pero o que non acabo de entender é o tema ese dos cartos que lle regalou o saudí... Vamos ver, hai un concurso mundial para a obra do famoso AVE de Medina á Meca. Todos os países que fabrican vías e trens tratan de caerlle ben o mouro, forrado, para que llo encarguen a un consorcio de empresas liderado polo seu país e así e varrer algo daquela poeira aurífera do deserto prá casa. Desde aquí, o Juanca -que coñece ben as debilidades dos demais como as propias- bota man dunha moza con clase, dunha nobre europea de bo ver coa que el anda ás voltas, outra profesional, para que o axude. Ao final, gaña o proxecto español, coa moi nosa Copasa no medio, e todos contentos.

E en vez de recibir cartos ou comisión do vendedor -evidentemente non pode un rei andar nestas cousas do 3% como o Pujol, ou outro político calquera-, en vez de recibir cartos do peto do vendedor, recíbeos do comprador. Tampouco debería... pero é distinto. E como foi a cousa? 

Se cadra nesas conversas de pipa de auga, rosmou que non lle facían caso, que entre a muller e a nora ían acabar con el... E o mouro, con ese poder absoluto tan grande e intocable dun sistema no que alguén na cadea de mando ve natural facer picadillo cun xornalista que os amola, pois faille un agasallo que o deixa coa boca aberta. Cen millóns de euros, o que din que é bastante diñeiro, e non teño razóns para negalo. Loxicamente, non lle poden mandar o paquete por Seur. É zona catro, e custa uns 20 euros o quilo, os billetes pesan unha tonelada... á parte de certos inconvenientes legais e non ter sitio debaixo da cama. Abre, pois, conta en Suíza -as montañas sempre foron lugar de ocultación e refuxio- porque tampouco podía chegar a Abanca de Sanxenxo -sempre hai moita cola- e pedir abrir unha conta; nin terían furgoneta para irlle polos cartos. Mellor Suíza. Coma todos. Coma sempre. 

E, claro, pra que cale e porque fixera a maior parte do trato, pásalle o máis do forrollo á loira e santas pascuas. Que vos dean. Marcho pra Sanxenxo. 
Mmm. A verdade é asunto feo, combina mal o de sex, cash and kings. Os republicanos ven oportunidade. A min dáme pena o vello paspán.

Te puede interesar