Opinión

Casas de...

Onte clausuráronse no Pazo Museo de Otero Pedrayo unhas xornadas organizadas pola Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores (Acamfe), que reúne institucións que gardan a memoria de autores de España e Portugal. Sen desmerecermos outras e só polo coñecidos dos seus nomes, dicirlles que viñeron os representantes da Casa de Cervantes, de Lope de Vega, de Unamuno ou do Arquivo Histórico Nacional, entre outras. Esta xuntanza, como outras tantas cousas ben argalladas, é cousa do amigo Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez, e dos imprescindibles apoios institucionais. Ben, entre as actividades dirixidas aos convidados de fóra, o mércores pasado fixemos un percorrido polo Ourense vello seguindo algunhas placas dos roteiros literarios da Esmorga e de Carlos Casares e outras referencias históricas e culturais da cidade; entre elas o Pórtico do Paraíso da Catedral, que lles encantou, claro, aos convidados. 

No camiño, á altura da vella Fonte Nova -actual Praza do Trigo- iniciou en voz alta unha reflexión Luís González Tosar sobre algo que todos sabemos pero que nunca verbalizáramos. Este Ourense, ao que chamaron algúns Atenas de Galicia; esta cidade que con Risco e Otero Pedrayo e Cuevillas, é a urbe fidalga da Xeración Nós; esta cidade que viu nacer a narrativa e o xornalismo galego de man de Lamas Carvajal; esta cidade onde Saco y Arce fixo a primeira gramática galega hai 150 anos; esta cidade de nenos e marxinais de Blanco Amor; esta cidade acariñada na lembranza de Carlos Casares ou cun amor distante na obra de José Ángel Valente; a cidade do pintor doente Ramón Parada Justel; a dos artistiñas que nos cincuenta e sesenta, digamos Xaime Quessada, Acisclo Manzano, José Luís De Dios, Virxilio, etc.; pois esta cidade, tan gabanciosa da súa historia cultural, pois non ten ningunha casa nin fundación de autor. Nin de literato, nin de pintor, nin de escultor. Mellor dito, ten unha fundación, a Casdemiro, en memoria do profesor don Julio Francisco Ogando, e localizada nesa mesma Praza do Trigo, pero endexamais aberta. E as fundacións Quessada ou Blanco Amor, tamén sen desenvolver. E do resto, nada. Nin sequera hai un espazo colectivo de mostra permanente de artistas ourensáns -chamámoslle, por exemplo, Museo de Belas Artes de Ourense-. Por non insistir na triste historia Museo Arqueolóxico Provincial, gafado polos tres tristes tigres do entrambilicamento administrativo e político das tres esferas máxicas, municipal, autonómica e estatal. 

Pásalle ao mundo da cultura na cidade como ao termalismo: moitas as potencialidades, escasas as concrecións. Por iso debemos esforzarnos xuntos. Para cando chegue o AVE, referencia mítica ao estilo “Bienvenido Mr. Marshall”. Pero tamén para o ano centenario da Xeración Nós, o 2020; ou para o ano do oitavo centenario do Rei Afonso X e Ano Santo Xacobeo, o 2021... ou para o que veña. 

Certo que próximos a Ourense están Allariz, coa Casa de Vicente Risco; Trasalba, co Pazo Museo de Otero Pedrayo, e non lonxe, Xinzo, coa exposición de Carlos Casares... pero á cidade, quédalle moito moito camiño. E algo habería que concretar, sen esparexer, confluíndo esforzos. O feito de que casa natal de Risco e Otero, na rúa da Paz, estea en mans dun intelectual especialista na xeración Nós, como Camilo Valdehorras, debería, creo, conducir a algún tipo de esforzo común en pro dun punto de encontro na cidade ao redor da súa historia literaria. En fin, unha ledicia termos aquí aos amigos de Acamfe. Todo un exemplo.

Te puede interesar