Opinión

Casio o Rolex?

Agora, a verdade, é que ninguén precisa reloxo; sóbranos co do móbil que, ademais, estamos mirando sempre. Ou o da pantalla do coche. Ou do microondas. Ou o da cociña. Ou o dos letreiros das farmacias. Ou o do equipo de música. Ou o dos termómetros públicos. Ou... E si. Lembro que un personaxe d’Os dous de sempre de Castelao filosofaba de se preferiría ser o único rico nun país de pobres ou o único pobre nun país de ricos. E escollía o segundo porque, dicía, se fose o único que tivese reloxo, todos lle preguntarían a hora; en cambio, se fose o único que non o tivese, podería preguntarlle a calquera e calquera lla daría, encantado, para presumir de telo.

De aí que hoxe levar reloxo pode ser por varias razóns todas elas discutibles. Primeira, por inercia: sempre o levei desde a primeira comuñón. Segunda, por ostentación; tal como levar unha pulseira ou un colar groso de elos de ouro. De aí eses obxectos de medio quilo de tamaño descomunal que, segundo me comentaba unha vendedora un día, compran sobre todo rapaces novos provenientes de países caribeños, con gorra p’atrás. Tamén hai a ostentación da grande -como levar un Patek Philippe Grandmaster Chime, de 28 millóns de euros- ou da pequena, un Rolex Oyster deses palleiros que adiantan tres ou catro minutos á semana, e sei do que lles falo. A terceira é por sentimentalismo: o reloxo era do avó, do pai, un regalo da tía, da moza... Desculpa, se che regalou a moza ou o mozo un reloxo tes agora máis de sesenta anos e o agasallo foi feito nos tempos do rei que rabiou. Ou por aí. 

En fin, a Shakira ten unha boa voz, unha excelente posta en escena é un produto moi ben elaborado. Unha máquina de “facturar” que usa os seus recursos, entre eles ese tan deostable como mercantilizar as relacións persoais. Cando empezou o ruxe-ruxe do asunto oín a canción e, a verdade, non lle entendín nada do que dicía, así que busquei a letra por aí e rinme bastante. Xa sabía que habería valoracións distintas, unhas falarían do “empoderamento feminino” e outras do “machismo” da loba, etc. Eu creo que se trata sobre todo dun “empobrecemento”. Non económico, claro, porque a caixa rexistradora con patas que é Shakira -entre outras virtudes- sabía que o ía “petar”, co significado de arestora. Pero empobrecemento, por primitiva e presumida. As metáforas e símiles da historia da literatura eran moito máis ricas. Desta distancia amorosa sobrevida dicía Miguel Hernández: “Tu corazón, ya terciopelo ajado”, e describía a beleza de Dulcinea Don Quixote dicindo: “Que sus cabellos son de oro, su frente de campos elíseos, sus cejas arcos del cielo, sus ojos soles, sus mejillas rosas, sus labios corales, perlas sus dientes, alabastro su cuello, mármol su pecho, marfil sus manos, su blancura nieve”. Claro que isto é unha hipérbole, unha esaxeración propia do cabaleiro entolecido polo amor. Pero de aí, a comparase unha mesma cunha loba, cunha máquina de facturar, cun rólex, cun ferrari e á opoñente cun twingo e un casio e facer eses simplóns xogos de palabras (clara-mente, sal-pique), hai un cacho. Unha vulgaridade expresiva (pra, tipos, te quedé grande, trabaja el cerebro un poquito también, mi supuesto remplazo, etc.) vai coa estética empobrecida propia dos tempos. Xa vexo eu negociando por detrás a aparición dos nomes das marcas no texto... E explicitamente, oína, a oferta gratis -eu aceptaría- dun Twingo a balompedista. 

En fin. El sempre me pareceu un pouco pailán e ela moi lista. Agora as miñas simpatías van para o agredido, sen cambiar aquela valoración. E imaxina alguén que o cantante fora el e a letra denigratoria fose para a muller? A artillería sería tan dura como a do batallón Wagner en Ucraína. Ou case. 

Te puede interesar