Opinión

Centro Galicia: o éxito da unión

Entre mediados do XIX e as primeira décadas do XX chegaron a Buenos Aires centos de miles de galegos. Tantos, que para vérense os coñecidos, falaren das cousas da casa e axudaren aos que quedaran en Galicia facendo escolas, agrupáronse por concellos ou parroquias; igual que facían daquela os agraristas e as Irmandades da Fala. Tamén se souberon xuntar, en paralelo, nun grande Centro Galego ao que pagaban unha cota como mutua sanitaria. Estas pequenas sociedades tiñan un local no centro e compraban un “campo” nas aforas para faceren bailes e festas. E moitas veces trataron de agruparse estas pequenas -e non tan pequenas- entidades locais. A alternativa inicial foi a Federación de Sociedades Galegas; no seu seo houbo disputas polo liderado e nalgunha ocasión, nos anos vinte, esgazouse en dúas ramas que se volveron xuntar cando a guerra. 

Á altura dos anos corenta a emigración galega decae. Ante esa realidade xorde a idea de construír -de igual xeito que naceran Italia ou Alemaña- un novo centro societario unindo as asociacións locais. Castelao, explicitamente, está polo labor, como a maioría dos galegos de alá. Así, desde os inicios dos corenta, nacen o Centro Ourensán, primeiro, e os outros provinciais. Vanse integrando practicamente todas as asociacións de base local agás unhas poucas que tiñan unha xestión máis viva saneada, tipo Partido de Carballiño, Centro Lalín ou Centro Betanzos. Unhas e outras, Federación e centros provinciais, colaborarán no Centro Galego e en moitas actividades culturais, como as Xornadas Patrióticas Galegas, celebradas desde 1947 en que invitaron a Otero Pedrayo.

Nesta época confluíron nas sociedades provinciais os vellos emigrantes e as novas xeracións dos últimos emigrantes que chegaban, a maioría sen as vivencias e as preocupacións políticas dos antecesores, que, diriamos, continuaban obsesionando aos vellos amigos da Federación de Sociedades Galegas. Á xenerosidade destas novas sociedades provinciais, sobre todo no Centro Lucense e no Ourensán, acolléronse vellos exiliados como Suárez Picallo, ou outras xentes plenas de actividade entre a mocidade, como Eduardo Blanco Amor ou Xosé Neira Vilas.

Pois ben, as catro sociedades provinciais fusionáronse nun único Centro Galicia o día 25 de xullo de 1979. Logo, cunha moderna e impecable xestión económica, constituíronse no referente vivo imprescindible, no interlocutor máis activo e eficaz das institucións galegas que, pouco despois, nacían en Galicia. Cumpriron, pois, a semana pasada, 40 anos. Eu tiven a sorte de festexar alí o seu oitavo aniversario en 1987, traballando aínda na vella casa do Lucense, na avenida Belgrano. Logo viñeron a construción da magnífica sede nova, en Bartolomé Mitre, onde se emprazan tanto as oficinas administrativas da Xunta de Galicia, como anexo, o Instituto Arxentino Galego Santiago Apostol, centro privado de ensino básico e medio de alta calidade de referencia no barrio da Balvanera e garantía na transmisión orgánica da nosa cultura e conciencia alén mar. O mimo e a xenerosidade con que o Centro Galicia garda o cadro “A derradeira leición do mestre” de Castelao, é tamén un símbolo. Parabéns a José Vila Alén, a toda a directiva e aos que se xuntaron nesa festa aniversario no Teatro Avenida, á que, se non chegan estar tan lonxe, ben me gustaría ter ido, pois era a festa do éxito da Galicia de alén mar. O éxito da unión... Un exemplo.

Te puede interesar