Opinión

O centro ourensán, nova oportunidade

Cóntanme de Bos Aires que está en venda o histórico local do Centro Ourensán, xusto ao pé do Centro Galego e lugar emblemático como “casa” do galeguismo porteño, da Irmandade Galega e o Consello de Galicia, nos anos corenta e cincuenta e no solpor dos sesenta -e sede vital onde despachaba Castelao durante os seus derradeiros anos-. Si, alí lle fixo Blanco Amor a famosa foto na que aparece o rianxeiro cunha bandeiriña galega por riba da mesa, pouco antes de ingresar, definitivamente, no Centro Galego para morrer.

Hai anos -son moi malo para as datas pero pouco antes da fundación do Colexio Santiago Apóstol de Buenos Aires- fomos nunha apurada viaxe tres persoas: dúas delas era a primeira vez que ían alá e eu ía na condición de “sherpa” á que gustosamente me prestei como funcionario, como civil servant, a requirimento da administración do meu país, a pesar do palizón que supuña: viaxes incluídos, ida e volta, duraba a expedición cinco días. Así pois, é fácil explicar que cumpría que fose alguén coas claves de contactos, etc. para non perder un minuto, e o tal cadrou que era eu, porque tiña moi recentes delongadas estadías naquelas terras como profesor e charlista nos Centros Galego, Galicia, Universidade de Belgrano e Federación de Sociedades Galegas. As persoas ás que acompañei eran o finado Jose Luís Cabo, á sazón director do Centro Galego de Artes da Imaxe, e un subdirector xeral amigo. 

Pois ben, daquela estaba en venda o local do Centro Ourensán, vendido polo Centro Galicia –a unión dos catro provinciais- pois sobrábanlle propiedades e faltáballe cash para continuar o seu traballo modernizador das estruturas societarias dos galegos porteños.

Naquela altura xa dera cabo, colaborando co Consello da Cultura Galega, á dixitalización dos materiais sonoros dos centros Galego e Galicia, trouxera un exemplar completo da revista Galicia do Centro Galego e iniciara a microfilmación dos xornais e revistas de interese que había na biblioteca dese centro. E tamén, naquela altura, xa era eu consciente de que o declive da colectividade ía facer que o inmenso material histórico das sociedades pequenas e grandes correse risco de simple desaparición. Sabía que moitas pequenas asociacións e moitos particulares doaban as súas bibliotecas e fondos ao Centro Galego, ao Centro Galicia, e estes case non llelos podían aceptar por non ter onde gardalos. Por iso insistinlle ao subdirector que incluíse no seu informe a recomendación de comprar -non era moito- o Centro Ourensán, para que a Xunta tivese, non unha embaixada, pero si unha leal oficina de representación -como a Casa de Galicia en Madrid – desde a que poder proporcionar información a aquela multiforme colectividade, acompañala con neutralidade institucional entre as súas inevitables diverxencias, ao tempo que servir de punto de encontro de bibliotecas e coleccións de arte, sen abandonar Buenos Aires, para converterse así nun ente activo institucional galego.

Non foi, non puido ser daquela. Pola miña banda, eu teño a conciencia tranquila porque fixen o que puiden e rescatei toda a información que estivo ao meu alcance. Pero xa me gustaría que se aproveitase agora, de ser certa, esa nova posibilidade de compra do Centro Ourensán -non sei canto piden- e levar alí os materiais históricos do Centro Galego -xusto enfronte- e de todas as sociedades que quixesen telos agrupados e coidados profesionalmente nun ente no que confluísen os esforzos da Galicia de alén e de aquén mar.

Te puede interesar