Opinión

Ceos galegos

Como a todos, gústame máis o ceo có inferno. E iso que non temos estado en ningún dos dous, aínda que se cadra, hiperbolicamente, nas súas metáforas. O que pasa é que en galego -e nas linguas latinas, máis ou menos todas- ceo non é só o que está arriba das nosas cabezas, con lúa, nubes e sol, senón onde fervellan as divinidades e onde seica van, logo de morreren, as boas persoas. En inglés, como saben, son cousas ben distintas: hai o “sky”, o dos avións, satélites e estrelas, e o “heaven”, dos deuses e boas xentes.

Pero arestora quero falarlle do ceo das estrelas. Sabemos todos o que nos importa, cando unha noite estrelada cádranos fóra da cidade e onde hai escuridade abonda para ver incluso a Vía Láctea, que seica é un rabo da galaxia na que imos subidos xunto co sol e os demais planetas. E, como cousa persoal, direilles que cando visitei Tierra de Fuego tiven case medo porque naquelas noites pechas e sen contaminación lumínica, miraba para arriba e non recoñecía o ceo, resultábame estrañas as estrelas e case non sabía onde estaba. 

E como me gusta o ceo, encántame a iniciativa oficial da Deputación de promocionar os ceos da Veiga, como destino afastado das luces das cidades. Temos que pór en valor aquilo que nos caracteriza para ben, e niso hai que ser orixinais. Teño ganas de ir alá un día -unha noite, mellor- e ver o lugar. Debe ser un destino -cando as cousas cambien- para que os escolares de Galicia, do noroeste de España e do norte de Portugal vaian pasar alá un par de días familiarizándose con ese ceo que tanto mandou e manda na nosa vida, e do que o único que nos separa del é a lei da gravidade.

E encántame o calendario Ceos Galegos que por cuarto ano consecutivo é unha marca de excelencia desde Ourense, recollendo, sempre, impulso galego para o mundo. A xente que está detrás da páxina www.ceosgalegos.com, baixo o impulso editorial do físico e astrónomo auriense X. Dositeo Veiga, producen uns marabillosos calendarios -xa a venda o do 2021, como se dicía antes, “nas mellores librerías do país”-, no que se vén catorce fotografías espectaculares de ceos de Galicia. Vén en galego e inglés. Hai tres fotos do ceo desde Ourense preciosas. A do mes de xuño, do cometa Neowise e a Vía Láctea facendo un arco simétrico co meandro do río Sil, desde o miradoiro de Pé do Home, en Nogueira de Ramuín, da autoría de Aleixandrus, explica plenamente o nome de Ribeira Sacra e debería ser suficiente para que a declarasen patrimonio da humanidade. A foto de xullo, do mesmo cometa e maila galaxia NGC 3198, de Ángel D. Rodríguez Arós, nada que envexar a calquera da NASA, fálanos entre outras cousas da calidade da noite nos ceos da Veiga, onde está feita. Outra, de marzo, de Sindo Nóvoa, tamén desde A Veiga, asegunda nesa espectacularidade. E si. Todas as demais, onde aparecen tamén lugares emblemáticos do país, como a Torre de Hércules, a desembocadura do Miño, etc. nos fan estar orgullosos de que este produto saia de Ourense. Tamén que o deseño sexa de Migueanxo Carvalho, é garantía, así como os fermosísimos textos que acompañan, dunha das voces máis atractivas da nova poesía galega, Estébaliz Espinosa, e do polifacético profesor universitario e máis coñecido divulgador científico de Galicia, Jorge Mira. Parabéns por achegarnos esta marabilla conque poder agasallar e compartir unhas vistas dos nosos ceos. En fin, podería dicir que é unha obra redonda, pero mentiría: é, marcadamente, rectangular. 

Te puede interesar