Opinión

Chimpar estatuas

Sabemos que o mundo xira sempre para o mesmo lado, pero a historia non. Ás veces dálle por correr, outras por comportarse como un estafermo e dar voltas sobre si mesmo sen moverse e golpeando aquí e alá. Ou retroceder. No mundo islámico, e xa o estudamos no instituto, unha sociedade aberta e tolerante como a hispanomusulmá do século X tivo que padecer as conquistas integristas de almohades e almorábides. En fin, agora, como en moitos tempos de desacougo, desátase -eu creo que non todo é inocente ou espontáneo- unha onda de violenta revisión da historia, a causa da filmación dun espantoso asasinato nos Estados Unidos de América. Tema evidentemente tan execrable, que excusamos entrar nel.

O caso é que a esa onda de indignación, rebota no sentido común e espállase arestora cunha feroz práctica estatuicida. A min, a pesar de que llas teño gardadas a Colón polas que lle fixo a un creguiño galego, Caicedo, creo, roubándolle o seu viño de Ribadavia alá nas Américas, resúltame chamativo que chimpen as súas estatuas. O que fai a ignorancia. Empecemos por un lado calquera. A colonización española e portuguesa, con iso de quereren gañar almas para Cristo e para o rei, foi moito máis benévola con aquelas xentes que a anglosaxona. Mestizaxe, catedrais e universidades desde o principio, non como o exterminio anglosaxón que chegou a Tierra de Fuego. Pero non lles vou defender a Colón nin á expansión española no mundo -que podía-, senón facer ver un tema básico: as cousas hai que xulgalas nos seus contextos históricos. Se collemos os estándares actuais de comportamento e os aplicamos coa radicalidade dos estatuicidas de arestora, deberiamos, soberbiamente, renunciar a todo o anterior. Vexamos. Nada de filosofía grega, morran Platón, Aristóteles, etc. etc.: era unha sociedade esclavista e pedófila. Destruamos a Venus de Milo, la Maja desnuda e Le déjeuner sur l'herbe, pola utilización do corpo da femia para deleite de varóns; as estatuas de Buda, por promoción da obesidade infantil e as barrocas de Cristo crucificado, por gores. Chimpemos as catedrais, mezquitas e sinagogas, por daren visións acientíficas da historia. Volemos con dinamita a presa de Velle, as Conchas e todos os embalses, feitos polo ditador Franco. Arrasemos os campos de cultivo, liberemos as vacas e pitas das granxas, porque alteran o libre desenvolvemento da natureza; volvamos ser depredadores simples: Non ó neolítico e as súas consecuencias. Destruamos, claro, as estatuas de Moztezuma, polos sacrificios humanos. Derrubemos Versalles, o Palacio de Oriente, o Schönbrunn de Viena e o L’Hermitage de San Petesburgo, cuxas construcións foron baseadas na explotación do pobo. Botemos abaixo o Coliseo, lugar de asasinatos con publicidade e manipulación das masas; e a Ponte Romana de Ourense e a do Bibei, as murallas de Lugo e a Torre de Hércules, lembranzas todas da oprobiosa colonización romana. E, de paso, a estatua de Lalao Reverter e Colemán, porque incita á condución temeraria, e a da Leiteira porque non cumprían coa hixiene debida, a de Risco, por titubeos franquistas e a de Otero por señorito. 

A alternativa de serenarse, deixar de facer estupideces e aprender algo, -que a historia é a historia, por exemplo- parece incompatible co predominio do serrín entre as orellas. A indignación non é a nai de ningunha ciencia, de ningún saber, de ningunha xustiza. É pouco digno actuar indignado.

Te puede interesar