Opinión

Chourizos e presuntos

Dicíalles, hai unhas semanas, que non me entraba polo ollo o de lles chamarmos “chourizos” aos delincuentes. Cousa boa non debería designar cousa mala. E aprendo logo que os portugueses, máis irónicos, aos corruptos chámanlles “presuntos”. Xogan co humor –a tradición de regalar un xamón para as mover as mínimas vontades- e o significado case xurídico de “o que se ten por certo, sen necesidade de ser probado”. Si. Os políticos corruptos serían “presuntos” culpables, “presuntos” inocentes ou o que vostede crea, pero sempre “presuntos”.
E esta aprendizaxe dun novo uso para unha vellísima palabra no portugués –anterior ao noso xamón que veu do francés polo Camiño de Santiago- fíxome pensar na fraseoloxía e na vitalidade das linguas. E lembrei que hai anos lle escoitara a un especialista nun congreso en Oxford que os signos de vitalidade dunha lingua eran catro ou cinco: Mantemento dos sistema dos nomes das persoas sen interferencias (digamos que Xosé ou Maruxa, fronte a José ou Mary), mantemento do sistema fonolóxico (digamos que ”xeral” en vez de “general”, etc.), unha viva fraseoloxía (“Manda truco na Habana”, “Tarde piaches” ou “O carallo vinte e nove”, por exemplo ) e un par deles máis, que, en calquera caso, arestora non veñen ao conto. E pensaba si, que segundo este esquema, estamos co galego na corda frouxa da historia. Porque se efectivamente diciamos ata hai ben pouco “Manda truco na Habana” para manifestar a nosa sorpresa, era porque cando foi a emigración a Cuba a lingua estaba “creadora”, e cando a emigración foi a Europa, pois menos. Non hai, como sabemos todos, refráns ou ditos que sexan do tipo de “Manda truco en Frankfurt” ou semellantes. E o “do carallo 29” seica está relacionado co artigo 29 da lei electoral de Maura, de 1907, que sinalaba que naqueles circunscricións electorais onde non houbese máis candidatos que postos a elixir, xa non se realizaban votacións. (Poden supor as presións para que a xente non afín ao partido imperante non se presentase e así obviar o requisito das urnas.) En fin, a vitalidade da lingua, daquela, creaba expresións. Logo e a fraseoloxía galega deu evolucionar como simple calco do castelán. Por exemplo, os vellos dicían “falar” para o actual “saír” en relacións de parella, e a forma nova, calcada do “salir” do castelán, matou a tradicional. Só os máis vellos entenderán se digo “Seica o meu fillo fala coa túa filla”, porque o habitual xa sería “O meu fillo sae coa túa filla”. Creo que me explico. Perdemos frases e xerga. Saben vostedes como lle chamaban nos anos vinte ou trinta ás pistolas no medio rural galego? Nada de “pipa”, dicían “ ferro”. “Na festa de Velle houbo unha pelexa e un que viña de América, sacou o ferro é...”


En fin, que é clave que a modernización da lingua se produza en clave propia. Se cadra, non estaba mal copiarmos algo da xerga portuguesa, cando sexa compatible coa forma de ser moderna da nosa lingua, por iso de equilibrar... A min, que lles direi, iso de chamarlles “presuntos” aos “chorizos” non me parece nada mal. Por exemplo: “A xuíza mandou declarar a un presunto que pillaron cun forrollo de billetes na man”. Por exemplo, claro.

Te puede interesar