Opinión

Comprando fincas...

Nun artigo que o colega destas páxinas señor Ramón Canal dedicaba á cuestión do tren pola beira do Miño para conectar coa alta velocidade portuguesa que vai a Vigo e no que tiña unhas amables palabras a un meu anterior, entendo que deixaba entrever que podería haber xente comprando fincas en lugares do trazado da vía pola ampla reviravolta por Cerdedo. E como a memoria é a facultade de enlazar relampos do presente con pousos do pasado, pois retraínme á miña nenez, a un día que meu pai chegou nervioso a casa, moi a principios dos setenta.

O que el contou lémbroo con precisa claridade: Un coñecido promotor e construtor de Ourense, cuxo nome recordo perfectamente pero omito por defunto -ou sexa, sen posibilidade de defenderse- presentóuselle no seu despacho de Facenda sabedor de que andaba ás voltas traballando co trazado a valoración das fincas -naquel momento aínda non público- da chamada “vía de penetración a Galicia” e que naquel momento serviu de modernizador da vella estrutura de estradas de Primo de Rivera. Fíxolle, sen moitas reviravoltas, unha proposta. Que lles pasase os datos de por onde ía ir a estrada exactamente. Eles encargaríanse de comprar eses terreos que pouco valían, e logo que el, como funcionario ao cargo do servizo, que as valorase xenerosamente. A cambio recibiría unha parte da diferenza que non sería en absoluto menor dado o monto total das cifras con que andaban. E como mostra de boa vontade, empezarían dándolle un millón de pesetas, xa. E díxolle que había moito diñeiro para apoiar a operación, tal e como viñan facendo noutros casos semellantes, e nomeou un suposto grupo de presión confesional que estaría por detrás. 

Meu pai, quedou frío e preguntoulle se lle podería repetir esa proposta diante do garda civil que estaba de garda en Facenda, ao que fixo ademán de chamar. O tal promotor riu e díxolle: “Monjardín, tu pierdes la oportunidad, pero ya habrá por encima de ti quien quiera, no te preocupes”. E levantouse e marchou. 

Loxicamente, meu pai sabía ben que naquela altura sen probas, palabra contra palabra, non había nada que facer, polo que nin procedía facer de Quixote cuns muíños de vento demasiado altos, así que fixo o que estaba na súa man: estremar as medidas para que non houbese filtracións. É máis, lembro telo acompañado máis dunha vez á estación de ferrocarril, á noite, para entregarlle en man a un dos revisores -e coa correspondente propina como era habitual facer naqueles tempos para envíos rápidos- un tubo con planos e un paquete de documentación anexa para que á chegada a Madrid fose recollido en man por un funcionario do ministerio que entendía do tema que o agardaba na estación. E como daquela meu pai andaba na directiva da Auriense, pois lembro que a Policía chegou a interesarse por eses envíos por se había materiais subversivos ou cousa semellante. 

Eu lembro como abrira os meus ollos de neno ao oír o da oferta inmediata do “millón de pesetas”. En fin, non sei se á fin do conto habería alguén por riba que fixese o trato, pero o caso é que esa deslealdade que sería co seu compromiso de funcionario, de civil servant que din os ingleses, nunca tivo posibilidade de lle quitar o sono. 

Seguen en vigor estas prácticas vellas? Estou moi lonxe do mundo da xestión de cartos públicos -e privados, a non ser os meus, poucos- e non sei nada de como funcionan arestora esas cousas. Teño o temor a que, se cadra, son consubstanciais ao movemento de grandes cantidades de cartos públicos e ás debilidade e desvaríos que no xénero humano producen catro elementos: diñeiro, poder, sexo e patria. Pero é só un temor. O normal é que sempre haxa de todo.

Te puede interesar