Opinión

Contas e contos

Opinión

Contas e contos

Non por casualidade son palabras tan próximas que o verbo que as rexe é o mesmo “contar”. Así un pode contar un dous tres catro cinco, ou pode contar un conto. Contas e contos, sempre mesturadas. E cada un conta un dous tres... segundo o seu relato, o seu conto. Pero isto, por natural, non deixa de ser chocante, ás veces. A min, persoalmente, non me gustan en xeral as cifras nin cómputos en relacións coas persoas e menos o seu abuso. Incluso, lembren, unha vez lles contaba dunha empresa que certificaba por medios obxectivos -tipo drons contando cabeciñas- o número exacto de persoas que participaban nunha manifestación. Pechou. A ninguén lle interesaba tanta verdade. Mellor poder seguir cada un co seu conto, falando ben do propio e mal do alleo. E varias veces me teño laiado do hipervisible “marcador” da violencia de xénero porque cría -e creo-que non achega nada positivo á loita contra ese mal. En fin, o de hoxe vai polas dificultade de comparar cifras de países distintos. Non porque as matemáticas sexan diferentes, senón porque o seu uso fano humanos e estes andan e falan de seu. Sempre conto como nunha enquisa que lin hai anos sobre coñecemento de linguas en Europa, a porcentaxe de suecos que dicía falar “moi ben” o inglés era ínfima, a cuarta parte do que o afirmaban os gregos. E aí entraría o quid. A que lle chama un sueco “falar moi ben inglés”? A que llo chama un grego? Se a pregunta fose se falaban moi ben o sueco en Suecia, tampouco creo que obtivese un resultado importante o “moi ben”, gañaría o “ben” ou o “bastante ben”. 

E vou axiña coas cifras do coronavirus. Tamén me desacouga o seu uso. Porque producen aínda sen querelo, sensacións de agobio ou confianza excesiva. Agobio se pensamos que nunha pandemia histórica “normal”, moderada, o habitual era unha letalidade do 0,6 por cento da poboación. Agobio se pensamos que a unha incidencia de exposición do virus do 1% en Galicia hai case 600 mortos... Calcular tantos por cento e regras de tres é demasiado fácil, e de aí a preocupación. Pero confianza excesiva: cada días menos contaxios, menos mortos, máis recuperados... E así podemos chegar a confundir as olas coas mareas. E as mareas, suban ou baixen, teñen olas. Só estamos na baixada da primeira.

En fin, ó que ía, o tema de contos e contas. Segundo as contas da páxina da Universidade Johns Hopkins -que vén sendo o estándar-, en Inglaterra aparecen, cando escribo, como casos confirmados 207.977, e persoas recuperadas 970. En España, cun número de casos lixeiramente superior (221.447) os nosos recuperados serian 128.511. Imposible. Nin que aquí chegara antes, nin farrapo de gaita. Supoño que en España lle chamarán así aos que saen dos hospitais para casa ou negativizan nela. En Inglaterra, non sei. E isto valería tamén para a sorprendentemente baixa cifras de mortos en Alemaña (169.430 casos confirmados, 7.392 mortos). Se partimos da idea de que para un alemán e un español a diferenza vivo morto está clara aínda que non nola explicasen en Barrio Sésamo, a diferenza máis alá dos matices propios de cada realidade, estará en que consideran uns e outros o que é un morto por covid-19. Os ingleses cambiaron de forma de contar e pasaron de golpe a ter varias ducias de miles máis nun día.

Así pois, mentres non haxa homoxeneidade nas bases da elaboración das cifras, é inútil e enganosa calquera comparación. Ademais, pouco importan. Hai que coidarse como se nos fose a vida no tema. E é así. Sen estridencias nin agobios.