Opinión

Contra a brecha

A miña sabia avoa Nemesia -Mecha, para os netos- dicía, conforme a que eu creo herdanza xudía polo seu apelido de Pereira, un refrán: “Hai que traballar cos dentes para comer coas enxivas”. Ela, que bebeu dunha sociedade na que non existía nin rastro do que chamamos Estado do Benestar, quería transmitir a idea de que hai que traballar de novo -cos dentes- para comer de vello -coas enxivas-. Ou sexa, cada un debe mirar polo seu futuro. 

Por sorte, o mundo cambiou e na sociedade occidental europea hai bastante coidado coa dentadura polo que é raro chegar a vello desdentado ou sen postiza. E, pese ás dificultades, tamén hai un bo ollo posto na atención da xente maior, mellor tratada que nunca na historia. Digamos residencias públicas e privadas, centros da terceira idade, pensións xenerosas, viaxes do Imserso, atención sanitaria escrupulosa... (Un dato, no 2019, último ano “normal”, realizáronse en España, 450 mil operacións de cataratas). Todas estas cousa debemos valoralas conforme ao que son, ao que indican, e non promover alporizamentos innecesarios. Os que teñen andado algo polo mundo valoran máis as cousas que os só ven o seu embigo e as súas obsesións. 

E para que isto poida seguir así, nestes tempos avoltos, non debemos desentender ao cidadán dos dentes dos das enxivas. E, viceversa. E tampouco a ambos -dentes e enxivas- dos que andan cos leite ou aínda nin eles teñen. Hai que revisar constantemente todo, coa flexibilidade que require a vida. E o compromiso coas xeracións vindeiras en lugar destacado, pois a pura humanidade -a conexión entre as persoas- debe ter dous sentidos de circulación. (Recoméndolles en Youtube a simpática campaña de “Piense en los demás” da tele dos sesenta).

E isto vén a conto da ampliada en xaneiro brecha salarial entre pensionistas e mozos. Non comparto a visión inercial nos medios de facer pensionista sinónimo de pobre. Non tal. Os pensionistas, as persoas maiores, son, polo menos en Galicia, as que posúen a maioría das propiedades. E é lóxico, porque teñen por tras unha vida de sucesións hereditarias materializadas, e unha vida, no seu caso, de acumulación de aforros. Si. E vou a un tema que desde o mundo político non se aborda porque renxe na peronista España de hoxe. As persoas temos unha responsabilidade intraspasable nas nosas vidas e no noso futuro. E é doloroso e inxusto que as pensións suban un 8,5 e sitúen a máxima -os que máis contribuíron tamén- ao redor dos 2.300 euros limpos, e que cos salarios da xente nova non se dea montado unha vida independente. Moitos profesionais que están chegando hoxe ao mercado -falo de empregados públicos e privados, enfermeiras, médicos, profesores, enxeñeiros de intelixencia artificial, o que sexa—teñen que vivir en pisos compartidos como se fosen estudantes. Algo grave sucede. Algo falla. Que o avó sen traballar cobre máis ca o neto traballando é un disparate. E que alguén viva da pensión do avó, un desaxuste, unha humillación.

Cómpre un grande pacto social e político interxeneracional. O problema principal non son os xubilados, son os mozos, moi preparados e con pouca esperanza de vivir como seus pais. Eles si que deben estar no centro do foco da nosa preocupación. E sen demagoxias. 

Te puede interesar