Opinión

Contra a choiva e as nevadas

Non é que me lles guste máis o tempo da primavera ou do verán que o frío e húmido do inverno -que tamén- senón que con este título furgo nunha cuestión puramente lingüística. O certo é que lles estou un pouco farto das “choivas” e das “nevaradas”, porque nin unha nin outra palabra existían no meu galego.

Aquí, sempre que choveu, dicíase que do ceo caían pingas de auga -ou pingotas de seren grandes, como a das treboadas do verán-, pero en calquera caso, sempre formaban, todas xuntas, chuvia. Si. Dun “pluvia” latino deu directamente un “chuvia” galego, sen máis. Esa é a forma predominante con moitísimo nas nosas cantigas medievais -aínda que tamén aparezan ocasionamente “chuva”, que pasou a ser a dominante no sur, en Portugal, pero que tamén aparece en todos os dicionarios galegos do XIX, e de onde vén a palabra “chuvasco” que os casteláns grafían equivocadamente con be - e algunha que outra “chuiva”.

Pero para o normal dos galegos, cando chove, é que hai chuvia. Diríalles máis, se a palabra “chuvia” aparece xa no Padre Sarmiento, en 1746, e en todos os dicionarios do século XIX (Pintos, Cuveiro, Valladares), a moi minoritaria “choiva” só aparece en 1926 e de aí, sempre repetida como sinónimo minoritario de chuvia. Pois velaí que a principios do século XXI os medios de comunicación, sobre todo a TVG, parece terlle declarada a guerra á chuvia en favor da choiva, e eu, que queren que lles diga, gústame máis a forma próxima ao latín. Entender, enténdese perfectamente o de choiva, pero non é máis galega desde logo que a nosa tradicional chuvia. 

O intelixente lector sabe xa que o de “nevaradas” vai por semellante camiño. Si, da forma latina “nix nivis”, chegamos ao substantivo “neve”, ao verbo “nevar”. E deste, mediante unha terminación común -ada, para “a acción e efecto de” -lembren, por exemplo, unha goleada, unha cantada, unha cagada- a acción e efecto de nevar, pois miren que fácil, é “nevada”. E punto. Claro que sobre esa forma sempre se lle poden aplicar sufixos que matizan. Neviscar -igual que chuviscar- é facelo con moderación, ou sexa que caia algo de “nevisca”-ou “chuvisca”-. Como “comiscar” ou “namoriscar” é comer algo ou andarlle dando voltas ás intencións de namoro. Deste mesmo xeito, as terminacións -arada fan referencia ben expresiva a grande cantidade. Así, “lumarada” é un lume moi grande, ou unha “fillarada” un conxunto grande de fillos. E un que fai algo moi mal, moi mal, moi mal, poderiamos dicir que en vez dunha cagada fai unha “cagarada” e todos entenderiamos a invención expresiva. Así que, en fin, non está mal, de cando en vez, usar “nevarada” para manifestar que é unha nevada grandísima. Pero que ninguén pense que a forma “nevada” é do castelán. Falemos galego enxebre, pero deixemos que siga caendo chuvia e nevadas que son boas cousas para todo do ano. Falemos galego enxebre, pero sen hiperventilar. 

Te puede interesar