Opinión

A contracorrente nas pensións

Unha das vantaxes de non estar na política activa, como ben sabe Solchaga, é que a liberdade de opinión, medra. É boa cousa non estar sometido ao politicamente correcto ou interesante -de interese- para obter votos. E son as opinión públicas, en continuo fluxo e refluxo en función dos ventos dominantes nos medios, e non a incómoda e tozuda realidade, as que condicionan hoxe os discursos. Son poucos os que opinan cara o público coa liberdade que o fan en privado. E esta dualidade engana o corpo social. E digo isto porque as mensaxes que se reciben, moitas veces son case únicas. E se todos opinan dun xeito, a persoa, non se pára a pensar pola súa conta; a inercia é inimiga da reflexión. Todos miran de onde sopran eses ventos das opinións máis oídas, para axustaren as velas dos seus discursos, tendo como único porto de atraque desexable, o poder. Ninguén quere aproar eses ventos e facer un pouco de pedagoxía social. Churchill fíxoa cando dixo aquilo de que só podía prometer “sangue, esforzo, suor e lágrimas”. Algo así é impensable hoxe. Só se quere falar da festa e dos caramelos que se van repartir. E así, chego ás pensións.

Eu non quero que as pensións suban conforme ao IPC. O tema débese tratar desde o escenario das contribucións feitas para elas. Os outros impostos deben estar para os coidados das cousas colectivas sen achegas especiais -sanidade, educación, etc.- e non para “tapar” simas imposibles. Non quero que deixemos un estado quebrado aos nosos fillos. Quero exercer a solidariedade, á parte de cos xubilados actuais, con esa xuventude preparada que non topa emprego e marcha fóra, e cos que aínda non traballan. E por que non? cos que estamos hoxe en activo e non temos seguras as nosas pensións, para as que, si, cotizamos moitísimo durante os últimos trinta ou corenta anos. Nin sequera vexo lóxico que os pensionistas teñan o autobús gratis ou case, ou o cen por cen das medicinas. E o das viaxes do Imserso, desde hai case trinta anos, é fenomenal; e débese valorar como merece, pois non hai ningún “dereito” as viaxes case gratis: é un beneficio a maiores polo que estar agradecidos ao corpo social que os sustenta, porque, obviamente, non é só cos impostos por eles pagados. 

Esta equivalencia case asumida, de xubilado = pobre, é perniciosa, inxusta e insolidaria co presente e co futuro. Explícome. Máximo coidado e atencións aos pensionistas pobres. Pero non é lóxico, por exemplo, que os 820.000 pensionistas que cobran máis de 2.000 euros ao mes (catro mil, a parella) paguen cero polos medicamentos e beneficios sociais que xa lles gustarían a calquera familia normal en activo -hipoteca, fillos estudando- con ingresos moi inferiores. Por non falar da idade dos que posúan a riqueza moble e inmoble do país. Como o argumento de subir pensións porque os fillos ou netos viven delas: cómpren outras solucións máis alá de viviren arrimados a un subsidio alleo. 

A cousa é moi complicada. Hai que velo e revisalo todo con calma, sen demagoxias e sen agochar a vista e a orella. E sempre, analizar en liberdade e falar sen medo. Aínda que chova.

Te puede interesar