Opinión

O covid-19 e a educación

Se cadra o lector pensa que vou falar de ensino. Tamén. Pero sobre todo de educación. Empecemos polas palabras, pois “in principium erat verbum”. En educación recoñecemos un vello prefixo e- ou ex- que significa “cara a fóra”, como en e-migrar ou ex-poñer, por exemplo. O -ción final, falános, claro, de acción. Por exemplo, evaporación que é moi parecida, é a acción de proxectar fóra o vapor. Educación é acción de proxectar fóra dun ese -duc- que significa comportarse, guiar, etc. É fácil recoñecelo noutras palabras: con-duc-ir, de-duc-ir, pro-duc-ir, se-duc-ir, in-duc-ir, ou en duc-til. Unha persoa educada é, pois, aquela que se sabe conducir en calquera circunstancia, que é dúctil ou sexa pouco ríxida, que é produtiva, que sabe deducir pola súa conta, e inducir nos demais as súas ideas, e que, efectivamente, seduce polo seu comportamento. Virtudes para o éxito.

Outra cousa é o ensino, que vén dun verbo latino insignare, ou sexa, sinalar. Así, o ensinante, é un sinalante que indica o que e como se debe estudar e aprender; e o educador, máis importante, é o que fai que un se saiba conducir na vida.

Ben. Os ensinantes son, claro, tamén educadores. Pero botando man do dito de que a apalabra conmove e o exemplo move, e da realidade de que os rapaces están nos colexios, menos do 1/8 do seu tempo, non son tan importantes. Si. Fóra vacacións, sábados e domigos, os días de clases ao ano son uns 175. E se están seis horas no centro, estarían 1.050 horas sobre as 8.760 que ten un ano. E se desde os centros de ensino, os ensinantes ou mestres -de magister, os que se ocupan do máis, as persoas, fronte aos ministros, que se ocupan de ad-ministr-ar o menos, as cousas- se os ensinantes, digo, tratan de orientar a aprendizaxe -aprehender, capturar coñecementos e actitudes- durante 1/8 do tempo dos rapaces, pois en que mans están esoutros 7/8 do seu tempo? Nas dos pais, claro. 

Ben. A vida é hoxe complicada. Dise que hai unha certa cesión da responsabilidade educativa dos pais. Co traballo de ambos fóra da casa, hai cuestións organizativas nas familias de núcleo reducido actuais, que hai que saber xestionar. En calquera caso a máxima responsabilidade que teñen os pais polo feito de selo, é garantir a boa educación -non falo de estudos, si de educación- dos fillos. Sobre todo de actitudes ante o coñecemento e ante os demais. 

Desde logo, as novas circunstancias do curso que pasou e do que virá, anovaron a necesidade de implicación familiar. Pensen na cantidade de actividades que se facían desde a escola e que deixarán de facerse: visitas a teatros, a concertos, excursións a exposicións e á natureza, visitas a empresas, roteiros cidadáns, ao extranxeiro... A concellería de educación, polo bo traballo dos seus funcionarios, ofrecen aos centros un amplo abano de actividades, que se complementa con outras moitas, doutras entidades públicas e privadas, coa colaboracións moitas veces das ANPAs. 

En fin, neste cambio de vida no que estamos inmersos -menos bares, menos consumo, menos desprazamentos lonxe- deben os pais fuxir da comodidade inercial de que fagan o que queiran -todo o día con pantallas- e inducilos ou acompañalos a faceren esas cousas: unha exposición, un museo, un concerto, un paseo pola natureza, un libro. Que é complicado? Si. Ninguén dixo que educar, modelar fillos fose fácil e agradable. O fácil é facelos.

Te puede interesar