Opinión

Cuestión de luces

Non lle vou falar de listos e parvos. Nin de parvas e listas, claro. A cuestión a que me refiro é simplemente isto, unha reviravolta sobre usos e costumes lumínicos. 

Cando empezou a chegar a luz eléctrica ás aldeas próximas á cidade, nos anos corenta, había xente que non estaba polo labor porque non lle acababa de ver as vantaxes. Debémonos pór na circunstancia. Daquela a electricidade, chamada entre nós sempre “luz”, tiña moitos menos atractivos ca hoxe. Ao non existiren electrodomésticos na casa -neveiras, planchas, televisores, lavadoras, calefactores, cociñas, fornos, lavavaixelas, etc., cousa para que habería que esperar décadas- a chegada da luz era simplemente a substitución da iluminación de carburo, do que se compraba en pedras, por exemplo, na Ferretería Llamas da Praza do Ferro, por bombillas de luminosidade comparable con el.

Lembro, e vou reivindicar a vella palabra, “buxía” ao canto da normativa “lámpada”, as de 25 watios que se instalaban nos baños, moitas veces nun oco sobre a porta e que iluminaba dentro e fóra, nos balcóns do rural; outras de 60 -as normais-; e logo as de 100 watios, de moi escaso uso: había “pouca potencia” nas casas, e saltaban “os plomos”. Ademais, moitas veces “íase a luz” e había que recorrer ás velas gardadas en caixóns, previsoramente. Curioso é que para denominación de intensidade de luz recorreramos a unha medida eléctrica -watio- e non de intensidade lumínica que deberiamos medir en lux ou lumens; por iso as novas led aclaran ao lado desta cifra última, a primeira. Ben, o caso é que andando as décadas, a luz foi chegando a todas as aldeas e desapareceron os últimos refuxios da noite pecha e negra, como a boca de lobo. Cos electrodomésticos para todos, xa se fixo imprescindible e axiña houbo unha explosión de luz nas rúas, parques, estradas... e monumentos. 

Desde hai uns poucos anos, a tecnoloxía das luces led avanzou sobre maneira con lámpadas de variadas feituras que teñen como elemento común o seren moito máis eficientes en canto a consumo/luz producida por basaren a súa tecnoloxía en tema electrónico e non en incandescencias que investían moita enerxía en producir calor en vez de luz. E esta nova realidade conduciu a que moitos establecementos e casas cambiasen os seus sistemas de iluminación. A luz, non a enerxía eléctrica senón propiamente a luz por ela xerada, é moito máis barata que hai anos. De aí a tendencia á iluminación excesiva nalgúns bares e restaurantes e incluso espazos públicos. Por sorte, de seu, estase corrixindo isto nos últimos meses: a xente decátase de que é máis agradable para pasear ou para cear, unha luz cálida, amarela, baixa, que unha branca excesiva, de dentista, hospital ou aeroporto. Cómpre deixar descansar o ollo. 

E tamén rexe para esta modernización para a luz dos monumentos, digamos que a Catedral, a Ponte Vella, o Viaduto... E na baía máis ourensá da costa galega, acho en falta a vella iluminación das murallas so Parador de Baiona. Hoxe sería fácil e barato. Lémbroa hai ben de anos, embelecendo a noite, para goce das xentes de terra e dos navegantes do mar. Teño saudades daquelas luces. Ou se cadra é daqueles anos.

Te puede interesar