Opinión

Cuevillas, o terceiro home

Opinión

Cuevillas, o terceiro home

Nada que ver coa mellor das películas do xénero negro; aquela con guión do case ourensán Graham Green que transcorre na Viena dos primeiros anos da posguerra e cunha trama centrada no tráfico da penicilina, nuns asasinatos e nas paixóns humanas. Memorable a escena na noria do Prater -aínda en uso, por certo- onde hai un diálogo, un monólogo máis ben, arrepiante sobre a nimiedade e dos seres humanos... “aquelas formiguiñas que se ven alá abaixo”.

Non. Digo Cuevillas, o terceiro home, porque sempre que se fala dos ourensáns da xeración Nós cítase a el en terceiro lugar, e como na Santísima Trindade, non se deben establecer escalafóns. Os tres ao mesmo nivel. Porque, sen dúbida, Florentino López Alonso-Cuevillas non tivo menos méritos e éxito no seu campo de actuación cós outros. Explícome. Os homes de Nós, como é sabido, trataron de poñer a cultura galega á altura das outras culturas europeas do momento, e nalgunhas cousas tiveron máis éxito e noutras menos. Nas que menos, na lingüística -non houbo especialista que fixese unha gramática e unhas normas-, na historia -non superaron a “Historia” de Murguía- e na política -non lograron construír un partido estable e duradeiro-. 

E nas que tiveron máis éxito, ao meu ver, foron na construción dun modelo literario e na interpretación xeográfica e da paisaxe -aquí temos ao inmenso Otero-,  e na arqueoloxía e etnografía. O papel do ideólogo Risco estivo máis vinculado á etnografía, modelo alemán de “Palabras e cousas” e á didáctica das vangardas-. O de Cuevillas, sobre todo á prehistoria e arqueoloxía, logo de deixar a súa primeira atracción polo exotismo e a contemporaneidade -lección no Ateneo sobre Rubén Darío en 1916, artigos sobre “Rusia y su revolución” e, sobre todo, o seu maxistral “Dos nosos tempo”, primeira reflexión sobre a “conversión” ao galeguismo, no número un de Nós-. E si, o sector que máis dialogou coas outras culturas, en métodos e relacións, foi, da súa man, a investigación sobre a prehistoria e arqueoloxía. Con Adolf Schulten, o abate Breil, Bosch Gimpera, Pericot, Leisner e outros mantivo relación de traballo. E a súa especial vinculación cos arqueólogos e etnógrafos portugueses proxectou nos ambientes cultos lusitanos a identidade da Galicia consciente. Ourense para aqueles portugueses era a Galicia máis próxima, por xeografía e amizades. E seguiu sendo cos epígonos, Taboada Chivete e Xocas. Lembro a Santos Junior na romaría do Viso.

En fin, Cuevillas, Letras Galegas 1968, foi homenaxeado pola cidade de Ourense co nome da rúa, do grupo escolar de Velle e editando o marabilloso libro “Cosas de Orense”. No seu centenario, en 1986, colocouse na Alameda un monumento na súa lembranza. E con motivo do centenario da revista Nós, dúas lembrazas máis: o Museo Arqueolóxico deu á luz o seu interesantísimo epistolario completo, e grazas ao esforzo da técnica do Concello Mónica Fernández Valencia, conseguiuse colocar unha placa desa institución, coa participación das fundacións de Nós e da familia, na casa onde viviu, na Praza do Ferro. Estamos de noraboa, pois. Unha parada máis para os roteiros sobre Nós. Cando se poida, claro. Cando marche o bicho.