Opinión

D.O., That's all, folks?

Vemos, sen sorpresa, que hai unha grave crise no grupo que ostenta a alcaldía. E digo grupo porque a palabra partido -aínda que legalmente o sexa, e hoxe apareza ben partido- non me encaixa. Para participar en eleccións políticas hai dúas vías: a das agrupacións electorais e a dos partidos políticos. Unhas e outras teñen pros e contras. De partida, as agrupacións non teñen que ter vontade de permanencia no tempo, nin sequera definicións ideolóxicas que cimenten unha ansia transformadora, pois nacen normalmente como reacción de desagrado ante unha  política xeral que non gusta.  Por iso é frecuente que teñan éxito, e que logo se vexan seducidas polos grandes partidos, pois ven na xestión diaria que fóra deles, vai frío. E si, creo que o grupo do alcalde encaixaría mellor en agrupación que en partido. O éxito -que como saben pode ser causa de morte- veu de cando en Ourense ocupou coa súa, digamos, frescura sui géneris e radicalidade xestual, o espazo antipolítica que enchera por aí fóra Podemos... Pero os camiños á nova realidade son cuspidiños: arrimados a un dos grandes e seducidos pola moqueta. Pero aquí hai un problema engadido, a falla de definición de ideoloxía, estrutura, programa e funcionamento recoñecibles. A contribución a que as cousas teñan outro perfil, necesita estar cimentada na elaboración de ideas complexas, propias e contrastadas co coñecemento, e retroalimentadas cos seguidores. Se a única identidade é a negación do outro e un conxunto de ocorrencias máis ou menos interesantes, e se á fin, acaba seducido polo que negaba, o discurso grípase, como os motores.  

Ademais, os partidos políticos, como ferramentas sociais, teñen elementos comúns: Definición ideolóxica, pois para xestionar debemos ter unha base de modelos intelectuais de referencia, uns cimentos de pensamento nos que asentar o propio.

E se para algúns é difícil ubicarse no panorama das ideas, moito máis difícil é recoñecerse no segundo sinal de identidade: a estrutura e o funcionamento orgánico. Calquera ferramenta é máis complicada canto máis complexa é a tarefa. Para mover unha pedra chega un pau ferro e un punto de apoio; para medir o tempo, cómpren todas as partes dun reloxo.  E como un partido é unha ferramenta para un tema sempre difícil como a xestión do colectivo, precisa, dunha organización complexa, ben regulamentada e moi ben fiscalizada.  Tempos, cargos, obrigas e contas. Digamos Congresos, Comisións, Comités Executivos con reparto de funcións: presidentes, secretarios xerais, tesoureiros, secretarios de actas, listas electorais, comités de garantías, etc. etc. Alá como como faga cada un, pero legal, limpo e público.  E como terceira característica, o partido diríxese a un determinado territorio, polo que se organiza en círculos concéntricos: barrio, municipio, comarca, provincia, autonomía, etc. E o territorio en Ourense, é a provincia. E a provincia.

En fin, que nesta crise da que máis dun dirá “Era visto!”, é ben difícil recoñecer de memoria esas características dun partido organizado: Ideoloxía? Estrutura? Territorio? Cando foi o último congreso? Que ponencias houbo? Quen é o tesoureiro? Quen é o presidente? Quen é o secretario xeral? Hai sede pagada polo partido, aberta ao público?  Algunha actividade partidaria de información ou reflexión colectiva, aberta á cidadanía? Que di o partido sobre a autonomía? E sobre a lingua? e sobre a muller? 

Os benintencionados que querían un revolcón da política municipal están hoxe moi asustados. Os temas de cartos, son feos e con consecuencias. En fin, veñen tempos moi avoltos e sobre as crises coñecidas  -sanitaria, económica e a futura crise social, se cadra a máis perigosa- temos nós agora, como rasgo propio, a agardada crise da gobernabilidade municipal. En fin, as crises son tamén tempo de oportunidades.  Que sexa para ben a cousa.

Te puede interesar