De novo, o San Lázaro

De novo, o San Lázaro

Cando a cidade ía desde o Posío ata a praza do Ferro, digamos que no século XIII, na parte norte había un campo que lle chamaban “o San Lázaro” porque había unha leprosería, a principal que non a única, da cidade. Anos despois, nos comezos do século XVII, sobre aquela ruína, o mesmo arquitecto, Antonio Martínez de Araque, que despois fará a Porta da Aira e a desaparecida ermida do Posío -só queda dela a Virxe da Burga- constrúe unha instalación máis axeitada, con capela e varias estancias para enfermos, da que nos fala Olga Gallego nun dos seus artigos do Boletín Auriense. Estaría o edificio, aproximadamente, onde está o Carrabouxo.

Despois, a lepra diminúe e a zona cambia. Coa conversión en rúa, dedicada a Juan Manuel Bedoya, da antiga Carreira dos Defuntos; co establecemento da fundición de Malingre na parte leste -máis ou menos onda a Sindical-; coa instalación da fonte de Oseira, que servía como abrevadeiro, e coa construción da capela de San Lázaro novo -a que hoxe está en Peliquín, inagurada en 1897-, os arredores do San Lázaro adquiren novos usos. Converteuse primeiro en Campo da Feira, cunha extensión maior pois integraba tamén os terreos da Subdelegación do Goberno e máis alá. Hai unha foto, das primeiras feitas en Ourense, dun día de feira cuns marraus ó lado da fonte. E, despois, cando se prolonga a Travesía (o Paseo) na actual Curros Enríquez para dar servizo á Ponte Nova (1918) e comunicar co ferrocarril, e van aparecendo casas na zona, o San Lázaro pártese en dous. A metades de arriba axiña se “parquiza” e despraza á feira ós Remedios, que é onde a lembro eu de pequeno. Despois fan o Pavillón -1969, máis ou menos- e a feira cruza o río. En fin, a colocación alí da igrexa dos Franciscanos en 1929 e a construción do Goberno Civil e a estatua do anxo de Asorei, finais dos corenta, o desmonte da capela de San Lázaro novo -finais dos cincuenta- van facer do Parque de San Lázaro o centro da vida social. A evolución das instalacións e sobre todo a hostelaría circundante (Hotel Parque, Azul -Dimax-, Alaska, Reno, TresA, Gaimola, Choupana, Bar da Sindical, Anyam...) coas súas terrazas; a construción da Torre, en 1969, dan boa conta desta puxanza e centralidade indiscutible desde mediados do XX.

Hoxe xa non é o tempo do carrito dos xeados na esquina de arriba, nin do municipal paseando coa súa gorra de prato, nin de espetaren as madamitas na parte de abaixo, nin de facermos cos tacóns dos zapatos “focas” para xogar ás bólas, nin de pasarmos as mans xuntas pola terra para facer pistas das carreiras de chapas, nin de botaren o permanganato potásico para que a fonte parecese de viño, nin de sentármonos no respaldo dos bancos ou nas terrazas do Hotel Parque ou do Alaska con aqueles esforzados camareiros equilibristas subindo e baixando escaleiras... Os tempos son outros. Pero algúns que aínda levamos aí aos fillos -ou fillas- a xogar nos novos columpios de arriba e abaixo, e os que hoxe os levan, sentimos intolerable que o lugar máis emblemático da cidade estea hoxe ocupado por xente marxinal que é acredora de axuda, asistencia, tratamento, pero, non menos, de control. En calquera caso, non se pode permitir que a súa presenza sexa a degradación do espazo común. Gañámosllo ós leprosos, e non pode caer de novo nas peores lacras da nosa sociedade. Isto ten moito que ver coas liberdades públicas. Sobre todo, coa de pasear e estar tranquilo nun espazo de convivencia e relación, escaparate e espello da cidade. Hai que pórse e arranxar o tema. Non hai outra.