Opinión

Deben os homes axudar na casa?

Opinión

Deben os homes axudar na casa?

Nesta semana da “folga das mulleres”  quero animar aos homes a que non axuden na casa. Se o fan, se axudan, son, desde logo,  uns macaquiños, uns ninguén. Pero non se me alporicen, donas e cabaleiros, lean, lean e seguro que comparten a razón. Non deben axudar porque simplemente deben traballar nas tarefas da casa en radical e absoluta igualdade coa persoa coa que convivan, cun compartir e repartir, evidente e equivalente, de tarefas. Por iso sempre me amolou a palabra “axudar” neste contexto, pois “axudar” significaría asumir unha posición secundaria á actividade principal doutra persoa na propia casa onde un vive. Así, que se supoña hoxe que o traballo doméstico é terreo  das mulleres onde os homes só poden -ou deberían- “axudar”  é a forma máis perversa de machismo e desigualdade. Por iso, nunca,  nada de “axudar”, nin de “colaborar”, nin de “botar unha man”. Como muller, non me gustaría que simplemente “me axudasen” botando sobre min a responsabilidade principal. Pero como home, por suposto, tampouco.  Non reclamo máis ca o meu espazo evidente de coxestión da casa e da familia. Entre dous. Todo.  Porque aquí, no terreo da privacidade doméstica, ninguén pode entrar e decidir máis que os da casa. Por iso só eles -enténdase eles e elas- son os responsables do que fagan de portas para dentro. E contra iso, non hai folga nin protesta pública que valla porque é clave privada. Non me gustaría que despois da folga do día 9, chegasen as mulleres felices do previsible éxito das mobilizacións, a poñerlle a comida a mesa posta aos seus homes, pero iso si, coa “axuda” ocasional,  do rei -ou do presidente da república- da súa casa. 

Teñámolo ben presente. Se o futuro da fala ou de boa parte da saúde están máis nas actitudes e nos terreos privados onde ninguén pode lexislar -lingua de ligue de mozas e mozos ou de comunicación cos fillos, ou hábitos de comida e exercicio, p. ex.- o futuro da equidade, da igualdade de verdade, pasa porque as medidas públicas  e os discursos dominantes  nos medios teñan unha correspondencia nos ilexislables comportamentos privados. Aí, no limpar o cu do bebé, falar co titor do fillo, pasar o ferro, tender a roupa, arrimar o caldo, fregar a louza, decidir a tela das cortinas, mirar se queda cuada na carnicería ou escoller o peixe que está de oferta e preparalo para o día seguinte, é sen dúbida, onde máis se corta o bacallau do cambio de mentalidade e da igualdade. E a realidade é sempre plural, e desde logo moito levamos avanzado, por sorte para elas e, por suposto, para nós. Pero homes teño coñecido de discursos cheos de as, que nunca cambiaron un cueiro ou limparon unha vomitona dun neno, ou non saben facer a compra sen que lles faga a muller a lista, porque nin saben onde está o Mistol, nin na casa nin no súper. Si. Uns auténticos macaquiños, que non coñecen da igualdade máis que a palabra. Pero moitas mulleres hai, tamén, de boca ancha na prédica pública e cunha práctica no terreo privado de arrenégote demo, e que se xustifican en calquera trapallada de que se o seu home non sabe, ou de que se tumba ou taramba da educación recibida. E non se trata de facermos exactamente as mesmas cousas sempre, en cada caso ou cada circunstancia ou momento pode ser distinto, senón simplemente de compartir e repartir a traballeira de levar unha casa e unha familia desde o equilibrio, desde o investimento semellante de tempos e esforzos. Con xenerosidade. Sen cronómetros. En igualdade. E punto.