Opinión

Deixando paso

Que che deixen paso é complicado. Seino eu ben pois ó vivir en Samuel Eiján, para saír do garaxe teño problemas. Que se aquel apura o paso para deixar clara a preeminencia do peón; que se ese condutor apura o coche para mostrar que ten máis dereito que educación... En fin, que che deixen paso é difícil. E eu non quero estar de máis nin un segundo. Quero facilitar o paso á xente nova. Non teño vocación de raíña de Inglaterra. Que circule o aire. Marcho.

E non ten volta. Hai un momento na vida en que debe preocupar máis o traballo da xeración dos fillos có propio. Os tempos que virán serán duros. E os que tivemos sorte —con esforzo, claro— de empezar a traballar e cotizar moi novos debemos deixar paso para que outros, máis novos, vaian ocupando espazos e facendo as súas vidas laborais. E nós, con outros ritmos, outras funcións. Ninguén o terá fácil, pero menos os novos de estaren sen traballo. 

En fin, a miña vida laboral duns trinta e oito anos cotizados, ocupa cinco liñas. A primeira, de arqueólogo, mentres estudaba; contratos en escavacións, bolsas e pouca cousa máis. A vida de docente, catro, de catro destinos: con 23 anos daba clases nos Salesianos, agradabilísima lembranza. Aos 24, xa funcionario, compartía clases na Carballeira e no Carballiño. Con 25, en Celanova onde topei de cura ó amigo Cesáreo... e casoume. Con 32 cheguei a Laboral... unha lembranza para o desaparecido Adolfo e para as miñas alumnas hoxe profesoras. Aos trinta e tantos pasei ás Lagoas e fixen de todo: catedrático de Galego pero tamén sheriff -xefe de Estudios-, vicedirector, incluso director; pero tamén confesor, mestre de obras, enfermeiro, negociador, testemuña xudicial... E vivín experiencias marabillosas: baleirar de auga de treboada o salón de actos ás tres da mañá; presumir do IES cos mellores resultados de Galicia na ABAU; facer horarios escoitando a caída das Torres Xemelgas; visitar a Praza de Taksim ou Santa Sofía cos alumnos; ver o Panteón de Roma e sentir como propias as bágoas de emoción dalgunha alumna; alugar barcos para percorrer o Bósforo ou para pasar de Galway ás illas de Aran. 

En fin, o máis ridículo, se cadra, foi farfallar en inglés nunha sala do Parlamento de Estrasburgo sobre unha reforma do ensino que nin entendía ben, con motivo dunha viaxe que gañaran os alumnos nun concurso no que participaran animados por Mercedes Seixo... Paseino ben nas clases, se cadra algo ensinei, pero seguro aprendín moitísimo dos alumnos. E tamén o pasei ben nos traballos de 24 horas, nas estadías de verán en Irlanda, nas viaxes de estudo ou fin de curso por Francia, Alemaña, Austria, Italia, Inglaterra, Turquía, Malta... Incluso hai claustros e ceas de bo lembrar. 

Creo que podería ter sido mellor profesor e mellor directivo, como podería ter nacido mellor persoa, máis alto, máis guapo; pero en calquera caso, fíxeno o mellor que souben, e coa sorte de estar sempre rodeado por excelentes alumnos, profesores e compañeiros de directiva (Roberto, Vicente, Mercedes e Celia, Carlos, Raquel, Hortensia e Xusto). E así creo que a miña derradeira lección como docente en activo debe ser botarse hoxe a un lado para que pasen eses nativos dixitais que nada saben da Enciclopedia de Álvarez e que nunca recibiron clases de Formación del Espíritu Nacional. Que teñan, os que veñan, a sorte de cara e que non teman se veñen os tempos de cu, pois serán sempre uns privilexiados: poder contribuír á formación dos que van para arriba é, humanamente, marabilloso.

Te puede interesar