Opinión

Demasiada luz

Un dos efectos colaterais do avance da tecnoloxía led é o exceso de luces públicas, nestes tempos de escuridades internas. Pero por moito que os focos de luz sexan moito máis intensos que hai anos ata o extremo de seren molestos e prexudiciais, sen dúbida, para a saúde ocular, por moito que nos iluminen a pel e a cara, non nos entra máis luz nas nosas mentes. Os nosos non son tempos de luces senón de sombras. A grandísima Rosalía (a de Castro) nun poema titulado “Quen non xime?” parece que venta o mundo contemporáneo. Comeza “Luz de progreso en todas partes, pero as dudas nos corazóns...”, e parece que sintetiza un estado de animo hoxe xeral: “Triste é o cantar que cantamos, máis que facer se outro millor non hai? Moita luz deslumbra os ollos e causa inquietude o moito desexar, cando unha peste arrebata home tras home non hai máis que enterrar os mortos, baixa-la frente e esperar que pasen as correntes apestadas, que outras virán...”.

En fin, non nos poñamos tráxicos nin transcendentes que só quería queixarme das luces excesivas. Ás veces cando paro o coche nun semáforo debo entrecerrar os ollos entre tanto led vermello intenso... menos mal que ninguén se ocupa de limpalos -os semáforos- e o feluxe que collen as tres luces vai amortecendo un algo o exceso de luz. E sen saír do coche, ás veces cádranme tamén vehículos por diante que en vez de luces de posición levan máis ben luces de exposición. Vostedes lembran ben cando antes eses “pilotos” ían nos extremos laterais, pero agora, algúns modelos, sobre todo asiáticos, teñen liñas longas e reviradas de leds que parece que forman parte da iluminación das festas ou dalgún microondas pasado de droga. E as luces da policía? Ese remuíño de lóstregos azuis de por si, case fai que os delincuentes e os cidadáns do común se tiren ao chan tapando ollos e cabeza. E que me din de ir dar un paseo polo Paseo -que para iso é- e verse abouxado polas agresivísimas pantallas de anuncios de bancos, tendas deportivas, de telefonía e doutras especies invasoras e depredaras da moral?

Antes, neóns e pantallas na rúa soábannos a distopía futurista ou a Times Square de Nova York ou, máis modestamente, ao Picadilly Circus londinense. Agora xa á rúa do Paseo. 

E do mesmo xeito que as xentes marxinais nas sociedades opulentas de Occidente pasaron de seren esmirrichadas coa fame, a gordos como bocois por un exceso de mala alimentación, así pasamos nós de ter luz adaptada aos ollos para ver a ter que adaptar os ollos deslumbrados polo exceso. Se cadra inda debemos levar lentes de sol de noite. Si, tamén pecan as luces normais, de diario e de “noitario”, de excesivas.

Eu lembro de pequeno, primeira metade dos sesenta, unha luz -unha “buxía” chamábanlle daquela ás “bombillas”- nun burato que daba ao baño e á balcón na casa de Cudeiro. Esto foi bastante habitual porque cando se fixeron as traídas e se meteu a auga nas casas, para os baños, normalmente ocupouse un extremo do balcón. Aquela bombilla debía ser de 25 wat ou así. E daquela escollíase en función do lugar da casa se debía levar de 40, de 60 ou de 100, no salón. 

Agora co invasión da abundancia, é difícil topar lugares recollidos e con criterios, non xa de aforro económico, senón ecolóxico e de saúde mental. Cando un está derreado, recoméndalle deitarse coa luz apagada. Se cadra en vez de estimulantes para espabilar e somníferos para durmir hai que procurar outras formas máis equilibradas de vida. Entre elas este tipo de moderación lumínica... En fin os viaxeiros que veñen de Berlín ou de Amsterdam, cóntanme que alá arriba, a luz artificial é moitísimo máis matizada nos locais, nos hoteis, nas vivendas, na rúa... e que cren que iso contribúe a non tanta sobreexcitación. Se cadra é así e hai que copiar. 

Te puede interesar