Opinión

Os dereitos dos carballos

Teño que recoñecer que son deses que se desacouga ante as medidas hiperbólicas. Poderíanlles chamar “fogo amigo” ás causas prexudicadas pola sobreactuación. Un exemplo destes días atrás: a convivencia entre iguais, entre os actuais estados español e hispanoamericanos, reséntese cando se escoita falar do xenocidio español. É fácil dicir tal e quedar tan pancho. Coñezan as ordes protectoras dos indíxenas de Isabel a Católica de 1500, as leis de Burgos de 1512 ou as Novas Leis de 1540. Coñezan que nos tres séculos e medio de época colonial (XV-XIX) só pasaron a América, 1,8 millóns de españois e saiban que a poboación de orixe europea -a maioría chegada coas novas repúblicas independentes- en Perú é un 5’9 por cento ou en México o 9 cento. O resto, indios e mestura. Esta mestura e o de facer universidades e catedrais no século XVI, non parece compatible coa intencións xenocidas. O fogo “amigo” en boca do tal López ou desa ultraesquerda indixenista, mata as simpatías que sempre existiron.

E confúndese esaxeración e realidade, e non se tolera a diverxencia. Se un cre que non se debe falar de xenocidio español en América, nin de xenocidio franquista, alguén con cabeza tipo reality show televisivo -oca e con lingua solta- pode deducir que se estarían xustificando tales accións; pero é só falla de comprensión e de formación. E algo semellante pasa co tema dos animais. Eu xulgo excesiva a preferencia polos cans fronte aos nenos en boa parte da poboación de hoxe e sospeito que aí está unha das causas polas que se queren “humanizar”, tratalos como se fosen persoas e adxudicarlles uns “dereitos” imposibles. E esa esaxeración é fogo amigo.

E escoito a Ione Belarra -non me é simpática, non por ideoloxía senón polas súas carencias propia e ocupar inmerecidamente o posto de Ministra -, dicindo, toda chea de razón ela, que as mascotas forman parte da familia. Cando servidor tivo cans, xa sabía distinguir os graos familiares (irmáns, pais, avós, tíos, primos, xenros, cuñados, noras, netos...) e o de can ou gato non estaba entre eles. Non os quero no libro de familia.

E descubro que existe unha chamada Dirección General de Derechos de los Animales dirixida por un activista indocumentado -non sentido de non acreditar no seu currículum ningunha formación específica fóra dun “Estudié Artes... he trabajado en todos los empleos imaginables, como mucha gente de mi generación como escultor y pintor artístico, camarero, encuestador, marchante de arte...” chamado Sergio García Torres.

Vamos ver. Non podemos falar dos dereitos dos carballos -nin dos eucaliptos- porque non participan desde combinado de deberes e dereitos que tece a cidadanía das persoas, únicas suxeitos de dereito. Si. Tampouco os animais teñen dereitos en si. Este uso hiperbólico da palabra “dereito” é lesivo á propia consideración do dereito. Nós temos dereitos e deberes como seres humanos, tamén cos outros seres humanos e co medio que nos rodea: animais, plantas, paisaxe, natureza. O bosque non ten dereito a que eu non o incendie, pero eu teño o deber absoluto de non facelo. O can non ten dereito a que eu non o colgue polo pescozo, pero eu teño o deber absoluto de non facelo. É unha cuestión de punto de vista. Partir sempre do suxeito de dereito para marcar os seus deberes. E todo isto dentro da razón. Cursiños obrigatorios para a capacitación como dono de mascota e nada para os que queren ter fillos? 3 millóns de subvencións a “entidades dedicadas á protección e dereitos dos animais” e 5.000 euros para “un estudo de apoio á gandería e o lobo”? “Ándache boa a navalla”, diría un paisano asubiándolle ó can.

Te puede interesar