Opinión

Desacougo, calma, desacougo

Ou podería titular “pena, alegría, pena” ou dun cento doutras formas que evidenciasen esa evolución circular que empezase por unha preocupación, logo unha fase de despreocupación e, de novo, unha de preocupación máis aguda. 

Como saben os meus lectores, se algún teño, que malo será, estiven de viaxe a semana pasada. Cando cheguei, como bo fillo, fun visitar de inmediato a mamá. Alí entre outras cousas, contoume que oíra na televisión ao fillo de Adolfo Suárez dicindo que en Nova York estaba autorizado o aborto despois do nacemento, ou sexa matar nenos ao pouco de nacer. E como obviamente, esa barbaridade era radicalmente imposible que saíse da boca de ningún bípede implume e cordo, pensei outros escenarios con diversos niveis de preocupación: se a televisión se oía mal, se ela tiña algún problema de audición ou, incluso, non o podía imaxinar, que ela non entendese ben as palabras do Suárez Illana. Sería a primeira vez e parecíame imposible. Hanme crer se lles digo que quedei moi estrañado. 

Pero ao día seguinte vexo no xornal e oio en youtube as declaracións de Fofito -voulle chamar así, en honor aos pallasos da tele- dicindo exactamente o que dicía ela. Como poden supor, aínda sen dubidar nunca da súa palabra, levei unha boa alegría ao oír o disparate. Efectivamente, tal dixera. Cun par. Si señor. O resto do discurso casposo, sen máis, pero ante a enormidade, só lembramos o foguete interestelar.

E despois desta fase de tranquilidade de saber que todos na casa entendemos ben as cousas, que o televisor non estaba estragado, etc., irrompeume, de inmediato, a máis álxida das preocupacións. O señor que tal dixo vai de segundo na lista do PP de Madrid! Vexo e vexo a prensa e topo un a modo de desculpas disparatadas, a modo do xenial Gila. Que chamou por teléfono a Nova York e lle dixeron que non se podían matar nenos pequenos... Remexo logo no monte de prensa que me agardaba a noticia da súa demisión, do seu cese, dun par de labazadas, ou outra cousa calquera, e non a topo. Meu deus, en que nivel andamos! Un pai listo e útil para o país, non garante para nada, que os seus fillos teñan condicións intelectuais ou políticas por riba da media para afrontaren cargos de responsabilidade pública. Para nada. Este home benintencionado será, pero non vale para isto: burrancán e sen filtro.

E pregúntome oíndo cousas destas ou outras do Casado sobre as linguas e esa España uniformista e tensa que lle enche boca, se non lle tería sido mellor ao PP de Galicia, distanciarse dese PP de España esgazado cando foi da elección entre Soraya e Casado e dicir que, moitas gracias, que iso non ía con eles, e que eles non escollían para líder en Madrid. Que eles eran amigos de todos e que para esa viaxe fratricida non contasen con eles. Que eles serían aliados fieis -como a Unión Social Cristiá de Baviera coa CDU da Merkel, ou a UPN ou o Foro Asturias co PP- pero que estaban por riba desas cousiñas pequeneiras de arrastrárense pola lama e de escolleren liderados transitorios; o PPG sería “outra cousa” mesmo orgánica. En fin, a ver o que dura Casado despois de forzar eleccións para inverter os números de deputados co PSOE. Outro que tal baila. 

Te puede interesar