Opinión

Desacougo educativo

Espallouse a noticia -non me gusta a expresión “fíxose viral” porque de partida os virus non son cousa boa– de que nas escolas de Silicon Valley os fillos dos máximos especialistas na creación e xestión dos asuntos estes da informática, en idades novas, non teñen acceso a ordenadores nin a redes e usan métodos máis abertos e convencionais, como libros, pizarras, etc. E como eles están na vangarda e como saben ben de que vai a cousa, ou sexa que efectos produce, que problemas causa, pois deciden afastalos desas pantallas ata que teñen unha formación que lles faga ver que iso é unha ferramenta útil e non unha nova forma de vida obsesiva e case virtual.

Calquera docente do mundo occidental con experiencia de máis de trinta e cinco anos, como é o caso de quen lles escribe estas letras, observa unha evolución de actitudes e destrezas impresionantes. Nós pasamos de ensinar a rapaces nados nos últimos anos do réxime anterior, en épocas preinformáticas e de pretelefonía móbil, a impartir aulas a nenos nados despois do ano 2005, xa absolutos nativos dixitais. Lémbrolles o concepto de “inmigrante dixital” que é o que nos define ás persoas que procedemos da cultura libresca tradicional e que entramos no mundo da informática de adultos, como inmigrantes, coas mesmas dificultades de aprendizaxe e uso que como se dunha lingua secundaria se tratase, fronte aos “nativos dixitais” que serían aqueles que desde a infancia teñen uso e abuso desas ferramentas informáticas, polo que esa linguaxe de relación coas máquinas é adquirida en fase de aprendizaxe primaria, como se dun idioma nativo máis se tratase.

Ben. Pois creo que non é unha cuestión en absoluto menor os cambios que se producen na estruturas de comunicación, de relación e de posición fronte á aprendizaxe, e mesmo na formación das capacidades intelectuais, por parte dos discentes infantes. A hiperpresenza das novas tecnoloxías na máis tenra infancia, visible neses rapaciños que vemos enchufados a máquinas nos restaurantes, nas consultas dos médicos, en calquera lugar, para que non molesten aos pais, aínda que cos pitidos das maquiniñas encordien aos que os rodean, eses rapaces van ter, teñen xa, apreciables deficiencias de capacidade de concentración fronte a mensaxes tradicionais como a palabra dita, a imaxe fixa, a contemplación reflexiva ou gozadora de algo, a mensaxe dun guía de turismo, dun pai, dun profesor. Parece como se a interactividade do guasap -texto curto, contestado de inmediato- debera ser a única forma de interactuación cos demais. Élles case imposible escoitar durante dez, quinte, vinte minutos unha mensaxe e ir pensando sobre ela, para logo, faceren os seus comentarios ou exporen as súas dúbidas. As dificultades de establecemento de relacións interpersoais tamén están aí, o mesmo, claro, que a inmensa axilidade mental para cuestións “técnicas”, “epidérmicas” do manexo desas destrezas informáticas. Claro que conducir superveloz non ten moita vantaxe se non sabemos ben onde queremos ou onde temos que ir ou para que. 

Semella que o vello refrán de “quen algo quere, algo lle custa” debera ser abominado nunha sociedade que rexeita o esforzo intelectual e físico e a constancia como fontes de creación e medre persoal. A democratización do acceso á información, a igualdade na capacidade de proxección de pensamento a revés das redes, non supoñen, en absoluto, a equivalencia das opinións vertidas. A capacidade de discernir, de valorar, de reflexionar non é fácil que proceda de tics de inmediatez e de 144 caracteres. E menos dos flashes da rede, dos chíos de twiter, do impúdico exhibicionismo de instagram, de baralladas como Salvame de Luxe ou imitacións, como os debates “políticos” que vimos na pasada campaña electoral. 

Te puede interesar