Opinión

O desafío de Ana Pontón

Adolfo Suárez foi o home. Nos comezos da Transición houbo unha terna para ver quen era o presidente de Goberno que collía o temón do barco. O candidato máis liberal parecíanos a todos Fraga Iribarne. O “exilio londinense” como embaixador e o pasado coa aperturista Lei de Prensa, os paradores, a chegada das suecas, a actuación de The Beatles en Madrid, en 1965, o baño de Palomares, etc., así o sinalaban. Fraga Iribarne -xunto Pío Cabanillas- era, sen dúbida, a cara amable dos galegos influentes que parecía querían acordos que, desde dentro dun réxime que chegaba á súa fin biolóxica, facilitasen o futuro. Por iso Álvaro Cunqueiro -na estrea do seu “Hamlet” na Coruña- ou Silvio Santiago -coa publicación de “O silencio redimido”- recorrían a el cando topaban coa censura; ás veces con éxito, ás veces non. Non se mollaba moito. Sería accesible pero era excesivamente leal aos que o puxeran onde estaba. En fin, o caso é que quedamos todos mudos con Adolfo Suárez. Nas primeiras imaxes de televisión, ademais, comunicando a nova, puxérano de branco inmaculado e camisa azul xurando como secretario xeral do Movimiento. Que horror, pensamos, o continuísmo puro. Pero logo pasou o que pasou.

O BNG, antes de Ana Pontón, como saben, xa existía. E viña dunha derrota histórica. Derrota no sentido de longa viaxe mariña empezada noutros tempos, tocando bastantes portos, ás máis das veces por mares procelosos. E sen furgar nos comezos da singradura, cunha UPG botada ao monte con pistolas checoslovacas e malos amigos, chegamos a momentos máis próximos a nós en que aglutinou xentes bastante diversas, esforzadas por Galicia, na marxe esquerda. Estes mariñeiros curtidos en barcazas que foran a pique, trataban de riparlle o mando ó grupo do armador e do capitán do barco. E aínda que tivesen razón ás veces, quen manda, manda. E cando seducidos por sereas de coleta e ou de melena leonada marcharon os mariñeiros díscolos, quedou o capitán, serio, co seu grupo, menos romántico, pero máis efectivo: racionaron os alimentos, repararon velas, agardaron mellores ventos. E estudaron mapas e cartografaron mellor os baixíos e aguillóns da entrada dos portos onde van alistando mariñeiros noviños en ilusión e pouco interese na historia. E o vello capitán, canso, pásalle o mando a unha Ana Pontón ilusionada. Se cadra, non só hai que axustar formas, sorrir e seguir co mesmo rumbo. Se cadra cómpre algo máis. Está claro que as mareas de sobe e baixa non lle afectan aos barcos de grande calado. Pero estando no alto mar, con bos ventos, mar en calma, barco preparado e tripulación ilusionada, se cadra a capitana e o seu staff poden pensar en remozalo e dirixilo a portos máis tranquilos. Ana é grande, pero coñece ben o barco. Non hai medo que lle pegue a botavara na cabeza nas viradas. Sabe ben onde non se debe pór e sabe aguantar e xogar co temón para non dar bandazos. 

Seguramente debe mimar de novo a ilusión de Simbdad, e deixar as historias dos vellos mariñeiros do Golfo de Biskaia ou do Mediterráneo. Debe ter confianza en que máis ten que ensinar que aprender deles. Porque nós temos máis tradición, máis vontade, máis máis costa, e moito máis mar detrás do horizonte. 

Te puede interesar