Opinión

Descorteses cortes

Estiven vendo, coma todos, unha parte dos discursos das sesións de investidura de Sánchez o sábado e o martes pasados. E máis alá do dito, no que non vou entrar moito, si chamáronme a atención os ollos dos deputados. Así, a feito, en conxunto, pois non son capaz de recoñecer máis que a ducia ou ducia e media de señorías. Sorprendeume o pouco que se lles vían os ollos. Certo que a colocación da cámara de TV en plano superior contribúe a que reparemos máis os cocotes que nas queixadas, e como as visións son frontais ou fronto-laterais, tampouco se ve o que traen entre mans, aínda que se intúa. 

Non lles vía os ollos porque non miraban, normalmente, a tribuna. Tiñan a ollada baixa, non por vergoña -que, se cadra, ben podían algúns- nin nada parecido. Abaixaban os ollos, non todos, só os maleducados, digamos, interpartidarios. Si. Estaban fuchicando nos móbiles. Non sei se retransmitindo no Tweeter ou guasapeando con amigos, xogando a matar marcianos, consultando o Facebook; ou incluso, os voceiros buscando sinónimos para os insultos. Só nos momentos de tensión erguían os ollos das pantallas, falaban cos do lado e berraban. 

Estas actitudes -móbiles, acenos, risas, berros...- son sumamente descorteses. E fíxense as súas señorías a contradición de ser descorteses nas Cortes, onde, por suposto, debería extremarse a cortesía. Si, alí e fóra de alí, sempre, cando alguén se dirixe a un, debe atender, respectuosamente. Máxime se debe ser exemplo de cidadanía e está na casa da palabra, que outra cousa non quere dicir Parlamento. Ben, se cadra polo máis enxebre aínda lle poderiamos chamar “Parladoiro”, como a vella sección que tiña Otero en La Noche compostelá, ou como aínda lle chaman aos asentos de pedra, poios, que hai ao lado das fiestras nos conventos ou nalgúns pazos. E que o sufixo “-oiro” identifica un lugar onde se fai algo: lavadoiro, vertedoiro, abrigadoiro, aparcadoiro, obradoiro... Pola contra, os substantivos acabados en “-mento” indican acción (chamamento, divertimento, nacemento...) e de aí, si, ampliase o significado ao lugar onde se desenvolve a acción. Aceptemos, pois, o nome Parlamento, coa ameaza de cambiármosllelo, de seguiren como nestas sesións, a “Berradoiro dos Deputados”, por razóns obvias. Porque hai que ter calma, e saber que, incluso, é unha vitoria da democracia ter alí a deputada de Bildu, Mertxe Aizpurúa, enfiando un discurso, o seu, discutibilísimo, pero en lugar e forma axeitado, e condenado á irrelevancia, pero amplificado en exceso pola sobreactuación contraria.

E si, pregúntome eu se non nos estará desautorizando a actitude destes señores e señoras aos profesores que pedimos que nos atendan cando falamos, que non miren para os móbiles e que se comporten con mesura e educación. Se cadra haberá que restrinxir os móbiles no hemiciclo, como na aula. 

Moito deben cambiar a forma de discurso e comportamento dos deputados para que a xente non alporizada nin facilmente inflamable se sinta de novo ilusionada co mundo político. Canto máis berren todos e máis se descualifiquen, máis se reprega a xente común na súa vida e actividades privadas e máis se amplía a espiral de crispación e a radicalidade, alá lonxe, nas descorteses Cortes de Madrid. Creo.

Te puede interesar