Opinión

DESENTUPIR O CONCELLO

Podía estar eu calado; máis me valería, seguramente. Pero máis que ningunha outra cousa, gústame saborear a liberdade de lles poder achegar un punto de vista propio sobre calquera asunto. E cando falo das cousas da organización da res pública, procuro falar sempre co máximo respecto desde a independencia, pero nunca desde unha indiferenza cada vez máis estendida porque vivimos problemas maiores. En fin, non me gustan, como a ninguén, as cousas da nosa Casa común da Praza Maior. Lembremos como chegamos aquí. As listas do PP e do PSOE presentadas ás eleccións municipais pasadas, contaron con moitos desacougos e desafeccións desde ambas forzas políticas. Nin Rafael Villarino nin Xesús Vázquez nin a forma de elaboraren as listas suscitaron entusiasmos. É máis, do desacougo da segunda opción, xurdiu o uso do paraugas de Ciudadanos. Dalgún xeito, pois, esas debilidades compartidas tiveron que ver na orixe do campo libre a un populismo made in Auria, á baixa, co que, non o esquezamos, ambos partidos negociaron ao quedaren lonxe de maiorías absolutas. E o problema foi que o árbitro, metaforicamente, descoñecía o campo, as regras e o deporte a que se xogaba.

En fin, postos na tesitura de cambio de árbitro, volven máis vellos e lesionados todos os xogadores ao terreo de xogo; e canso o público ao ver o partido lento e sen ritmo. Desde o fondo sur, como espectador de pé, creo que sería bo exploraren novas tácticas. A ver se me explico.

O candidato do PSOE non quere oír outro nome que non sexa o seu... pero a moitos da súa banda tampouco lles chista. E as contas, incluso contando cun BNG de perfil nesta crise, non lle saen. Pola banda do PP sábese na imposibilidade de facerse coa alcaldía, porque os resultados -7 concelleiros- foron dos peores da súa historia, e despois do resultado do pacto con DO, deberá pasar unha fase purgatorio. Que facer? Creo que como en “La fiesta del chivo”, hai un personaxe clave en segundo plano: Pepe Araujo. Nin pa ti nin pa min. Nin alcalde do PSOE nin alcalde do PP. O edil de Ciudadanos -tan lonxe, por certo, dese aire madrileño do partido- é de todos os integrantes da corporación o que ten máis experiencia na Casa -leva 17 anos nela-, ten bo trato cos traballadores e impulsou as xuntanzas en busca de solución á crise. Ademais podería tecer redes de concordia coas distintas sensibilidades dos partidos que ben coñece, pois sen eses consensos mínimos -básicamente facer funcionar a cidade ata as eleccións seguintes- calquera dos socios podería poñelo fóra de inmediato, de retirárenlle o apoio. Imaxinemos, un escenario en que Araujo fose alcalde cun grupo de goberno máis que nada técnico de 2+9+7, cun vicealcalde primeiro do PSOE e un segundo do PP e que poderían, pero non terían por que, ser Villarino e Xesús. Creo que ao PSOE lle interesaría desatascar o tema, accedendo a áreas de xestión grandes, aínda que supuxera darlle a alcaldía a un alcalde en minoría dun partido socio noutros lugares. Creo que o PP lle interesaría darlle a alcaldía a un alcalde en minoría dun partido socio noutros lugares, conservando amplas áreas de xestión. Algúns poderíano ver como alcaldable nas seguintes... Ao propio Ciudadanos interesaríalle atraer a uns e a outros a unha solución conciliada e propia de situacións complicadas. O Concello de Ourense, volvería ser noticia en España. O BNG tamén contento, porque os deixaría como única oposición, á parte de DO, pois dubido da consolidación e futuro dos conversos como grupo. 

En fin, de touros, tampouco entendo.

Te puede interesar