Opinión

O desfile de Adolfo Domínguez

Poucas veces Ourense se sentiu tan protagonista -e orgulloso- da moda como no desfile de Adolfo Domínguez pola parte máis viva da cidade medieval o sábado pasado. As escaleiras da Catedral, a Praza de San Martiño, as Rúas das Tendas e Arcedianos, a Praza Maior viron, como saben vostedes o desfile dunha serie dos modelos que foron marca icónica da casa -os guapos de Ourense nos oitenta, como dicía Elvira- e outros moitos novos,  xunto con outras actividades performáticas, música e danza, reivindicadoras dun estilo e dunha terra, a través de evocacións plurais. Desfilaron, felices, amigos, coñecidos e descoñecidos de moi diferentes sectores e idades que conviven entre nós, e ningunha estrela mediática que eclipsara a centralidade das coleccións e, sobre todo,  cremos, a recuperación desa conexión alegre e optimista coa cidadanía ourensá. Non é que a perdese nunca, porque a marca Adolfo Domínguez está indisolublemente ligada a Ourense desde antes de nacer, desde os tempos do avó xastre -falo desde a perspectiva de Adriana- e de “El Faro” pero a relación digamos intelectual durante a travesía que desacougou a empresa nos últimos anos, estaba excesivamente relaxada e debilitada. Por iso, agora, nova e felizmente orientada e dirixida por Adriana, filla de Adolfo, con experiencia na empresa, plena de capacidade, preparación, renovación e paixón, vólvese máis achegada a nós, a través dese retornos ás raíces da empresa, da familia e da terra. Si. Porque o cosmopolistismo non é, sabémolo, nacer fóra do mapa, senón saber do mundo e facer do propio o universal, como sempre leva feito Adolfo Domínguez, e sentir e proxectar o de un con naturalidade en calquera lugar do mundo. Si, ao longo do planeta, todos temos moitos que aprender pero moito que ensinar, tamén. E o feito de volveren producir no Polígono de San Cibrán, é unha alegría para todos. Como tamén o éxito das primeira coleccións conceptuais desta primavera baixo o nome xeral de Galicia e con dezaoito subcoleccións como Toxo, Fento, Cíes, Orballo, Atlántico...  Tamén, a escolla Ourense como lugar para, a través deste novo concepto de desfile, mostraren as súas novidades e coleccións despois de oito anos de ausencia das pasarelas, foi algo que, creo, ilusionou uns cidadáns que aplaudiron de principio a fin, o poderoso paseo urbano dos seus veciños e veciñas. 

Os políticos todos do concello que por alí andaban -nin xuntos nin revoltos-  fixeron o que debían; apoiaren coa súa presenza a iniciativa do tecido económico, social e cultural; pois a ninguén se lle pode escapar que a moda, esa sublimación cotiá da estética en evolución, ten unha dimensión intimamente ligada á cultura; onte, hoxe e mañá. Hai cousas, máis das que parece, que deben os políticos facer xuntos. Mellor para todos.

O único que me deu pena foi chegar tarde e ver pouco, por moito que estarricase o pescozo entre as moreas de xente que había. Pero isto tampouco me desgustou, porque falaba do éxito da iniciativa e permitíame observar as caras engaioladas da xente. Felicidades Adriana, felicidades Adolfo, felicidades a todos os desfilantes e actuantes, os da “crew” que traballaron nas cen facetas do evento e sobre todo, felicidades Ourense por ter recuperado estas liñas de relación, estes fíos de ilusión cos que tecer un futuro moderno, renovado e distinto.

Te puede interesar