Opinión

Día da ilustración

Opasado día 30 celebrouse o Día da ilustración promovido pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e que desenvolveu e desenvolve obradoiros, exposicións e actividades nas bibliotecas públicas e nas escolas de arte de Galicia, en colaboración coa Dirección Xeral e Políticas Culturais da Xunta de Galicia, ao redor, este ano, da figura de Cándido Fernández Mazas.

Creo que a proliferación de Días dedicados ás cousas da cultura, está ben. Temos do Día das Letras, o das Artes, e o da Ilustración. Poderiase pensar se non estaría mellor concentralos nun Día da Cultura, pero así, desde logo acadan máis visibilidade os distintos sectores, pois a realidade é plural e rica. E este ano a posta en valor da figura de Cándido Fernández Mazas é unha boa nova, como a posiblidade de vermos a exposición sobre el que se estará na Biblioteca de Galicia, no Gaiás en Compostela deica a fin de maio. Pero como foi que un pintor e ilustrador de quen Luís Seone dixo “Cando coñecín a Fernández Mazas abríroseme as portas da arte moderna” quedou na zona escura do coñecemento? Pois sábeo ben Pepe Bouzas, o seu máximo biógrafo e valedor, e comisario da exposición antolóxica “Cándido Fernández Mazas. Vangarda, militancia e esquecemento” celebrada no ano 2002 con motivo co centenario do seu nacemento. (Por certo que o magnífico catálogo –por contido e continente- daquela exposición está a venda na páxina de Afundación, e ben barato, por certo). 

Este artista grande, principal, que aprende en Paris en contacto coa auténtica vangarda –onde o visitou, creo, o meu avó Alfonso- e que exerce de tal no medio da súa xeración de 1930, está escurecido por causas que teñen que ver co contexto ourensán no que se moveu e coa Guerra Civil, de xeito directo e indirecto. Vexamos. El, inconformista radical, anarquista ou trosquista, non sei ben, acaba en 1939 preso en Valencia e destrozado mentalmente polas circunstancias. Liberado, volve a casa, moi enfermo, e morre ao pouco, en 1942 no medio do silencio. Pero a guerra tamén tivo outra consecuencia grave para a memoria deste e doutros artistas. Ao resultar varrida, exterminada, masacrada, a cultura progresista de España, en Galicia, pouco a pouco vaise facendo oco como canon de cultura, o vello posicionamento galeguista, por demais maioritariamente conservador no social e no estético.  A inmensa sombra de Nós, a tradición do galeguismo conservador auriense e tal que de xeito voluntario ou involuntario, non sei, ocultaron de forma absoluta os renovadores estéticos que non compartían a súa posición. É significativo como as xentes ligadas á memoria dunha opción pequena como a galeguista antes da guerra, teceron a posteriori un discurso dominante na interpretación da identidade do pasado. Así a lembranza mítica da revista Nós, cuxo centenario celebramos, dificultuou a visibilidade dunha vangardas que eles non entendían. Incluso colaboradores ocasionais da revista, mortos, como Cándido Fernández Mazas ou Luís Huici, desapareceron na memoria dos protagonistas. A confusión da historia de Galicia coa historia do galeguismo tende a ocultar unha realidade moito máis rica e complexa á que pertence como un dos principais valores estéticos da época, Cándido Fernández Mazas.  Graciñas a AGPI por traelo á actualidade.

Te puede interesar