Opinión

Día do hispánico no mundo

As identidades son matrioskas e nós o resultado do conxunto que debemos encaixar. Eu síntome moi humano, moi romano, moi celta, moi hispano, moi galego, moi ourensán, etc. Así xogo en casa aquí, en Madrid, Barcelona, Dublín, Porto, Roma, Buenos Aires, Valparaíso...

As moedas teñen cara e cruz. A lenda negra da conquista de América por parte dos españois -falsa- ten a súa cruz na idealización dun paraíso indíxena -falsísimo- de antes da chegada de Colón. Os meus avós están enterrados en Cudeiro e o Carballiño, e os de López Obrador, non sei. Pero de pedir perdón-ou dar as grazas- cousa del e dos seus antepasados, non dos meus.

E como Hernán Cortés con 300 homes conquista un grande imperio como o Azteca, cuxa capital, Tenochtitlán, era máis grande que calquera cidade europea da época? En América non había vacas, nin porcos, nin cabras; pero na do Norte había bisontes e na cordilleira andina, llamas... E que proteína comían os poderosos e os guerreiros en México? Que é un tzompantli? Imos por partes.

Desde finais do XIX existía unha asociación chamada Unión Ibero-Americana coa que emigrantes nosos e intelectuais de todas as repúblicas hispanas de América trataban de estreitar os vínculos culturais e económicos entre esas novas nacións e as terras de orixe, España e Portugal. En 1913, o seu dirixente Faustino Rodriguez San Pedro impulsa un día para festexar estas cousas. Chámalle “Fiesta de la Raza” e escolle a data do 12 de outubro. En 1917 Hipólito Irigoyen -presidente arxentino- declara ese día Festa Nacional. En 1918 fai o propio Afonso XIII en España. A finais dos anos vinte, un crego vasco en Buenos Aires -Zacarías de Vizcarra- proponlle a Ramiro de Maeztu, embaixador de España, o nome de Día de la Hispanidad, que colle grande impulso coa chegada do exilio español ás universidades americanas. E vaise impondo e en 1958 o Goberno de España oficializa o nome de Fiesta de la Hispanidad. A expresión gala de “Latinoamérica”, construída só para tratar de ocultar a importancia hispana en América, triunfou de forma tan clara como absurda; incluso no papanatismo español. E nestes últimos anos, co impulso ao mito de orixe indixenista, na maioría dos países hispanoamericanos déronlle novas denominacións. Desde Día del encuentro de dos culturas (Santo Domingo), de dos mundos (Chile), del respeto a la diversidad cultural (Argentina), ata disparates como o de Daniel Ortega, en Nicaragua, desde 2007: Día de la resistencia indígena, negra y popular.

En fin, Hernán Cortés -grazas á súa moza indíxena, Malinche, nai do seu fillo primoxénito- foi a espoleta que fixo toupar un imperio como o azteca coa sublevación das outras nacións sometidas e masacradas. Na conquista de Tenochtitlán participaron eses poucos centos de españois e centos de miles de indíxenas desexosos dunha vinganza que mesmo tivo que parar Cortés. E un tzompantli é un lugar onde se expuñan milleiros de caveiras ensartadas en varas provintes dos sacrificios humanos aztecas antes de facer muros con elas e barro, tal e como aparecían nos debuxos dos primeiros códices e viron arrepiados os conquistadores. Seica uns 20.000 sacrificados -homes, mulleres, nenos- ao ano; moitos previamente engordados. E os corpos? Zampábanos. Proteína animal. En 2015, escavando no baixo do número 24 da rúa Guatemala de México DF, toparon un gran tzompantli, igual ao debuxado no Códice de Diego Durán, de principios do XVI. Busquen na rede. Mete medo. En fin, sería tanta parvada que o Goberno de México, país de máis hispanofalantes do mundo por certo, pida perdón ao seu pobo por esas barbaridades, como que o de España fixera tal. Eran outros tempos, outras mentalidades que nada teñen que ver connosco. É de aplicación o dito do demo e o de espantar moscas co rabo. En fin, feliz día do hispánico no mundo.

Te puede interesar