Opinión

Os ditongos do presidente Afonso

Pode un presidente da Xunta ter un ditongo crecente “ue”, en cada un dos seus dous apelidos? Chama a atención si, o de Rueda Valenzuela, pero obviamente, non é problema. O problema sería se algún bárbaro -ao tempo- pretendese chamarlle, pola brava, “Roda Valenzola” ou algo parecido. Imos ver. O mundo está moi mesturado e os nomes xa non son o que eran. Reparemos nuns cantos casos. O máximo escritor de Galicia, Otero Pedrayo, nunca regaleguizou o seu apelido ao que sería Outeiro Pedrallo. O primeiro, tíñao fácil, Outeiro, ou á portuguesa, Do Outeiro; e o segundo, pois nin tan difícil. Seica con elle, como bugallo, doallo, picallo. Así, pedrallo, sería un terreo chea de pedras. En fin, os seus compañeiros de xeración e amigos ourensáns, Florentino Lopez-Alonso Cuevillas, e Vicente Martínez-Risco y Agüero, levaban cadanseu ditongo “ue” nos seus apelidos, pois non eran de devanceiros galegos, senón rioxanos. Ricardo Carballo Calero, agás algún pequeno pecado xuvenil, nunca pretendeu ser Caleiro ou Caeiro. O presidente da RAG, usa un “Freixanes” híbrido en vez do resultante no noso romance que debería ser “Freixáns”. E se seguimos polos escritores, non acabamos. Murguía, de orixe vasca; o seu compañeiro da fundación da RAG, Francisco Tettamancy, vai ti ver; María do Carme Kruckenberg, Úrsula Heinze, ambas de nación alemá... En fin, e no mundo político, pois ata parece simpático que o independentista presidente de Cataluña, se apelide, nin máis nin menos que “Aragonés” aínda que de segundo leve algo tan catalán-catalán, como “García”. 

E o noso líder histórico do galeguismo, pois “Castelao”, dun antepasado que veu daquelas terras ou dun vasalo dun castelo? Vai ti ver. Tampouco nos estraña, que o líder da independencia de Irlanda, Edmund de Valera, levase o apelido de seu pai, Juan de Valera, español de Cuba, ou que o primeiro ministro da Romanía post-Ceauscescu, Petre Roman Vallejo, fose fillo dunha señora de Santander. 

En calquera caso, a actuación sobre a toponimia é relativamente fácil, pois os lugares onde vivimos, por moito que os queiramos non son “nosos” senón dun colectivo etéreo no que se pode intervir con máis ou menos facilidade. Pero ai a antroponimia. Ai os nomes e apelidos da xente. Aí, somos propietarios exclusivos, aínda mitificando esa pertenza persoal e familiar coa idea espallada de que os nomes non teñen ortografía definida e cada un pode escribilos como lle pete. E coa regularización de apelidos ninguén se atreveu. E hai que darlle unha volta ao tema porque non é cousa de subsumir o noso sistema no veciño castelán.

En calquera caso, o que si me gustaría, e iso está na súa man e non ten problema ningún, e que o tocaio presidente, usase o seu nome en galego, ou sexa, Afonso. Gustaríame, si, que a primeira autoridade de Galicia usase o nome sobre o que ten máis goberno inmediato e así, tamén que marcase identidade fóra. Como cando nos afixemos a dicir Jordi por Pujol. Así, facendo algo de pedagoxía, moitos dentro e fóra de Galicia, aprenderían que o que en castelán é Alfonso, en galego é Afonso, como o rei sabio nas súas Cantigas de Santa María ou como o cantante portugues José Afonso. E outro día cóntolles o que me pasou a min cando galeguicei o nome, que é cousa de moita, moita risa. 

Te puede interesar