Opinión

Divagacións carnavalescas

DIVAGACIÓNS CARNAVALESCAS

Empezarei dicindo que o “Entroido” -para nós en Ourense sempre con “A”, Antroido- é unha festa de raíz popular, como saben de introdución -de aí lle vén o nome- á Coresma, e que se celebraba en todo o mundo cristián. De feito, no occidente da península ten sempre, máis ou menos, igual nome. En Asturias falan do “Antroxu”; en Portugal, do “Entrudo”; en Viana do Bolo, de “Entrudio”; en Riaño, no norte de León, do “Antruido”; en Llamas e Carrizo de la Ribera, La Vellila, na chaira leonesa, do “Antruejo”; en sitios de Cantabria, do “Antrudo”, etc . E en todo este común occidente hispánico a cousa é comer cocido e marrau -dispensando-, postres doces, mover traxes de cores chamativas, chocallos, choutar, correr e transgredir as normas habituais. O carnaval ten unha raíz semellante, seica vén do italiano “carne valare” ou “carne levare”; en calquera caso, evoca a supresión da carne na mesa despois destas datas, pois comeza ese xeito de Ramadán “light” e de escaso seguimento na actualidade que é, como diciamos, a Coresma. Por esta declarada vontade de excesos, nin á Igrexa, nin ao poder lle chistou nunca en exceso o carnaval; pero había que toleralo. En fin, os que van de piliqueiros, cigarróns, felos, vergalleiros, boteiros, troteiros, etc. serían “entroido”, e os que se disfrazan de spiderman, de drag queens ou de nobres, estarían facendo carnaval que é palabra máis xeral. Hoxe domina entre nós a autóctoca “Entroido”, pois todos comemos cocido, e ademais sentímola como máis nosa. Sexa, pois. 

E vexo que a participación medra, en especial con bo tempo, claro. Este ano o exitoso desfile do domingo durou algo máis de tres horas con milleiros de participantes de todos os sectores e idades. Pero agora xa ninguén tapa a cara a di aquilo de “mascarita, non me coñeces?”. Si, as olladas desde as carautas buscaban, daquela, nos ollos dos demais, nos acenos, nas risas, nas formas de andar ou de moverse, a pista para dar descuberto quen era o outro, esa “mascarita” case sempre feita de roupas vellas dos baúis que había no fondo dos faiados, e coa cara tapada. A proximidade, o xogo de insinuacións, con voces impostadas para ocultaren as propias, servía para o sedutor e raposeiro xogo das identidades ocultas. Moitas veces non se tiña noticia certa de quen era a “mascarita” ata a fin da festa... ou ata nunca. Pero agora, desaparecida a vergoña, e sen este xogo, hai un puro divertimento exhibicionista, sen barreiras. O que é bo por unha banda, pero é malo pola outra. Segundo se vexa.

En fin. Comprobei a fin de semana como ninguén se disfraza xa de político ou trata de enviar mensaxes máis alá do divertimento. Iso vai a menos. Vin, si, algún mozo disfrazado de garda civil que me fixo lembrar a sensación de democracia consolidada, ala nos mediados dos oitenta, cando os pais comezaron a emprestar os seus vellos uniformes ás fillas ou fillos para saíren de entroido, aínda que, normalmente, sen tricornio. Aínda algunha alumna me comentou que tivera que porfiar co pai -coa nai de aliada- para que lle prestase un uniforme vello. Evidentemente, fronte á alianza nai e filla, inevitablemente, o capote da benemérita, de ríxido apresto militar transformábase en suave e agarimosa capa de seda. Antes que garda civil un é, obviamente, home. Polo tanto de aplicación para el, o dito o outro día polo magnífico Julio Dorado: “Na miña casa faise o que eu obedezo”; cousa lóxica e boa, claro.

Te puede interesar