Opinión

Domingo Fontán, hai 150 anos

Con moito criterio, coma sempre, Miguel Anxo Murado sinalou que Domingo Fontán, o polifacético matemático, profesor universitario, astrónomo, industrial, deputado e, sobre todo, autor do primeiro mapa moderno que se fixo en España, é unha persoa moi recoñecida pero pouco coñecida. Agora, en El Cercano, Moncho Conde Corbal colgou un facsímile do mapa, co que quen teña interese pode velo en directo. Outra alternativa é furgar na rede. En Galiciana e na Cartoteca da Deputación da Coruña están dúas edicións enteiras, de 1845 e 47, en aceptable calidade.

Cóntolles algo del porque o mes que vén -o día 24- cúmprense 150 anos da morte de Domingo Fontán, e sería bo lembralo. Desde 1989 está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres con todos os merecementos pois, como dicía Otero Pedrayo, foi el quen “lle puxo rostro a Galicia”. Por incrible que pareza, ata ese momento os mapas facíanse “de orella”. Ou sexa os xeógrafos, sen moverse, enviaban inqueritos a autoridades locais para que lles dixesen como eran as súas xurisdicións e logo ensamblaban todos eses datos e saía o que saía. Normalmente churros. Por iso os mapas vellos, tipo Ojea -o que ten a distribución das sete provincias do antigo reino de Galicia- son tan inexactos. Igual facían os censos -tipo Catastro do Marqués da Ensenada- que, en calquera caso, é o primeiro intento de sistematizar información global sobre España. Pois ben, este señor, fillo de fidalgos das terras de Caldas de Reis, educado en Noia, foi alumno na universidade dun xenio matemático lalinense, Rodríguez, empeñado na primeira década do XIX en promover a triangulación desde vértices xeodésicos para, calculando ángulos e distancias, ter unha idea exacta de como era o territorio. O alumno fíxolle caso e desde 1817 pasou dezaseis anos subindo e baixando montes e medindo, por primeira vez, o país a pé de obra. Nos seus escritos, e nas intervencións en Cortes durante as varias lexislaturas que foi deputado conta que visitou 3.600 igrexas parroquiais -todas- e dez mil aldeas. Seguramente, non houbo ninguén antes ca el que visitase tantas e creo que despois, tampouco. Pensemos no esforzo de visitar unha de cada tres aldeas de Galicia nun momento no que non había coches, estradas, asfalto, teléfono, telegrafo, luz eléctrica e no que a cultura material era semellante á de época romana. E na complexidade técnica do traballo.

En fin, Otero Pedrayo estaba “namorado” do mapa de Domingo Fontán desde pequeniño porque seu pai xa o tiña pendurado en Trasalba. Debeu ser el o que impulsou en 1946 a celebración do centenario do mapa desde o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, e o que mediou para a doazón do teodolito co que realizou o traballo á Universidade de Santiago, en 1963.

O mapa ten grande fortuna literaria. Úsao Otero en “Arredor de si” nun dos momentos cumes, para significar o reencontro coa terra do protagonista, Adrián Solovio, dedicoulle ducias de artigos, algúns fermosísimos sobre o exemplar que levou a Bos Aires en 1947. Úsao Murado como incio do seu magnífico libro “Outra idea de Galicia” e, recentemente, Miguel Calveiro publicou unha novela biográfica moi moi libre, titulada “Fontán”. E non hai autor galego que non o citase ou escribise sobre el. Pero non é moi coñecido popularmente.

Entre outros, por el creo que o Día das Letras Galegas debe deixar de ser das Letras e ser da Cultura. Para poder celebrar un ano a Fontán, a Antón Palacios, a Parada Justel ou a calquera outro que forme parte central da nosa historia colectiva, aínda que non lle dese por escribir.

Te puede interesar