Opinión

Dous segrediños

Onte venres inauguramos en Santiago unha exposición magna en tamaño e contido sobre o centenario da xeración Nós. Ana Acuña, profesora da Universidade en Pontevedra, e un servidor, comisarios, titulámola “Galicia, de Nós a nós” e tratamos de facer un relato -outra cousa é que o conseguiramos- sobre a historia concibida como unha ponte que vai avanzando botando arcos sobre piares que se van construíndo ao tempo que se recoñecen os antigos. O Rexurdimento, Nós, etc. sería os piares e hai documentos significativos deses avances como a grande cantidade de cousas comentadas e presentes de Nós na expo. Pero non se preocupen. Non lles vou falar desta angueira que tanto traballo e tantas colaboracións suscitou. Se queren ir vaian a Gaiás, e pode que incluso gocen algo con ela. En calquera caso, para os comezos do ano que vén estará, Deus mediante, no Marcos Valcárcel, en Ourense.

O que lles quería era contar un par de segrediños que descubrín durante a montaxe. 

O primeiro é que revisando o orixinal da obra “Arredor de si” de Otero Pedrayo que está na Fundación Penzol de Vigo, un manuscrito nun simple bloc de apuntes, tópome conque despois de acabado o texto, o final está cheo de anotacións tanxenciais doutras cousas máis cotiás. Nunha folla ten apuntada unha nota moi persoal que di así: “Tasación cuando entró Manuel”, e seguen catro nomes (Cachorra, Linda, Broca e Tora) seguido do seu prezo (145, 145, 135 e 75 duros) unha dedución de suma: “Valor total, 500 duros”, e unha aclaración: “O sean (sic) Diez Mil reales”. Paréceme a min que estes catro nomes tan eufónicos deben corresponder, con gran probabilidade, a vacas. Si. Sospeito que deberían o valor que o “amo” lle daba do gando á chegada dun novo caseiro ou algo polo estilo. Estaríamos pois perante unha anotación práctica e útil en alguén tan meticuloso que ten as ducias de axendas que se conservan en Penzol, cheas de controles de temas de cartos, especialmente cando vai de viaxe. Apunta ata o que lle costa cada taxi.

O outro segredo ten que ver con Vicente Risco. Nun manuscrito que nos prestou a súa Fundación, e que está clasificado como “Axendas de Nós”. aparecen anotacións de moi variado tipo, en relación á publicidade da revista, etc... pero, pouco sistemático, a axenda está moi abandonada e reutilizada para outras cousas. Entre elas hai unha lista da compra de materiais de “Barbería”, follas, brocha, e non sei que máis, e unha, creo que xabón de escuma, que din “non fai falta, xa teño” ou algo así. 

A verdade é que estes pequenos tesouros de humanidade, de cotidianeidade, de lembranza de que por riba de intelectuais eran persoas comúns, que tiñan vacas ou necesidade de afeitarse e de que facían listaxes da compra, coma todos, tamén me gustou moito. No fondo, todo é xente. Non toda igual, por suposto, pero todo xente.

Te puede interesar