Opinión

Dúas páxinas das cantigas de Santa María

Como saben, este ano 2021 cúmprense os 800 anos do nacemento de Afonso X, así pois, ha estar de moda. E voulles presentar dúas páxinas de internet sobre as “Cantigas de Santa María” para que furguen, se queren, porque non todo vai ser “First dates” ou “Masterchef”. Pois ben, como saben as “Cantigas de Santa María”, escritas en galego na segunda parte do século XIII, son o maior monumento cultural moble de toda a Idade Media europea, ou sexa mundial. E dígoo así, en alto. Nada hai comparable a un compendio de 427 composicións en que se versifican milagres de todo o orbe coñecido daquela -de Lugo a Alepo, de Alemaña a Constantinopla- e, por riba, cunha auténtica reportaxe “fotográfica” da época. 

Pois ben, os catro códices teñen distintos número de cantigas porque primeiro o rei fixo un, con cen; quedou contento e botoulle outra planchada, e logo outra, e outra... O último piso, “Códice príncipe”, ten xa 427 cantigas, pero á penas xa miniaturas -unhas corenta ou así, e representan todos músicos-.

Pois ben, como á parte de poesías e imaxes teñen notación musical, son interpretadas por todos os grupos de música culta do mundo. Pode un topar páxinas en xaponés, ruso, etc. En dúas paxinas, moi complementarias, quero pararme un momento. Á primeira accédese escribindo na barra algo pouco orixinal: “cantigasdesantamaria.com”, pero cando entra ve que se chama “Cantigas de Santa María for singers” e está feita por un tal Andrew Casson, un enxeñeiro informático, investigador amateur de música medieval, filoloxía e paleografía, e de forma altruísta e solitaria, pois o seu obxectivo é prover a todos os que queiran cantar as cantigas dos textos e as músicas. A páxina ten a letra de todas as cantigas (427) de forma que un pode acceder polo número, polo comezo, etc. E unha vez que accede a unha cantiga determinada, pode ver o texto de tres formas: pura transcrición, coa separación silábica e tamén en linguaxe fonética internacional. Ademais, ten notas a pé de páxina e o pentagrama da música coa letra da cantiga por debaixo. A páxina está en inglés. 

Para accederen á outra páxina poden escribir na barra csm.mml.ox.ac.uk, ou buscar en “san Google”: “Cantigas de Santamaria Oxford”, porque dito enderezo corresponde ao Center for the Study of the ‘Cantigas de Santamaria’ of Oxford University” e, realmente, é unha magnífica base de datos, “The Oxford Cantigas de Santa Maria Database”, na que non teñen o texto de todas pero si as informacións máis completas e as vías de buscas de cantigas: temáticas, onomásticas, toponímicas, antropononímicas, por palabras clave (731, preséntannos). Se van vostedes, por exemplo, a “keywords” e buscan “wine”, pois xa lles indican os números e títulos dos 19 poemas nos que aparece a palabra “viño” (e se saltan co tabulador á páxina anterior, miran o número e xa teñen o texto). En fin, na parte de “search” poden facer moitas buscas distintas, e incluso orientadas por persoa ou lugar. Así, o primeiro topónimo da listaxe é Acre, e o derradeiro, nada lonxe, ao monte Zión (Sión, para nós) en Xerusalem. O miolo da páxina, como vén, está en inglés, aínda que as presentacións dos capítulos estean en galego.

Se se traducisen estas dúas páxinas, se puxesen en liña as miniaturas do “Cancioneiro Rico”, e se fixese un facsímile online do “Cancioneiro príncipe”, eu quedaba ben contento. Tamén me podo conformar cunha soa cousa, claro. Iso que con ningunha, tampouco vivo mal. 

Te puede interesar