Opinión

DÚBIDAS TEMÁTICAS E FEBREIRIÑO CURTO

Pois dubidáballes eu entre varios temas para este recreo de hoxe. Ocorréuseme entrarlle ao tema das eleccións galegas, pero poderían pensar, e se cadra con razón, “outra vaca no millo” ou “outro que tal baila” de estaren fartos do tema. Pensei logo no da intermodal, pero temín que me puidese atropelar o tren, un autobús, caer un murallón enriba ou algo así. Metaforicamente, claro. Veume logo á cabeza aguilloar ás castas universitarias locais -profesores e alumnos- das ciencias humanísticas, e en xeral a todos os docentes e axentes culturais, en xeral e de todos os niveis, pola escasa participación en actos relevantes, como a presentación da magnífica biografía de Castelao do amigo Miguel Anxo Seixas acompañado polo tamén sabio Manuel Outeiriño o martes pasado no Liceo, pero mellor calar; a ninguén lle interesan hoxe estas cousas da “alta cultura”, estamos na época de “baixas paixóns”, de “cada un ao seu”, de realidades aumentadas só en pantallas, de trapalladiñas varias, e non imos nós, nestes tempos exaltados e tensos, inaugurar o dos puros rosmóns, así que deixémolo estar. Cada un que faga o que queira. Ou o que lle pete. Ou o que lle preste.

E así cheguei á conclusión de que o mellor era poñerse en modo ascensor. Si. Falemos do tempo, pois. Non houbo neve este ano en Manzaneda nin frío abondo, de momento, como para lograr o pequeno milagre de converter auga en neve cos megafurrichadores que puxeron. Choveu moito aí atrás e agora, coa auga e o sol, todo está agromado. E xa se sabe, o febreiro é un mes raro e de mala fama. Raro por curto e cambiante de días. (Tocoulle así porque hai séculos era o último mes do ano, e era o que se usaba para facer axustes.) Mala fama: Febreiriño curto (ou louco) cos teus días vinte e oito se durases máis catro non quedaba nin can nin gato... nin rato no burato. E para uns, ten fama o mes de chuvioso, dígano sen máis, ás claras (Febreiro cada suco seu regueiro), con metáforas (Febreiro, muiñeiro) ou cariño (Febreiriño cos seus vinte e oito non che é nada enxoito). E á maioría teñen opinión favorable da chuvia (Moita auga en febreiro, moito trigo no graneiro. Ou Cando non chove en febreiro, nin bo prado nin bo lameiro). O refraneiro non acertou este ano, pero a realidade é que, normalmente, vai frío (Febreiro, sete capas e un sombreiro) aínda que a neve é escasa; dito con simpleza (Neve febreiriña tarde vén e logo camiña) ou esparexendo maldicións (Quen non dure máis a mala veciña que a neve febreiriña). 

En calquera caso hai práctica unanimidade en que é malo que veña o que se chama, turísticamente, “bo tempo”; sexa calor (Febreiro quente, trae o demo no ventre. Ou febreiro quente, marzo doente) ou sol. (Come máis un día de sol en febreiro que todos os cabalos do reino). En calquera caso, hai moita prevención sobre o adiantamento dos procesos naturais de agromado das plantas, temeroso sempre o cidadán das xeadas que acaben con todo. Se en febreiro ves verdexar, bótate a chorar. Ben. Non choren moito que isto do tempo sempre foi cambiante; este inverno houbo chea do río, como cada dez anos. Ademais nunca choveu que non escampase. Ben. Xa chegamos. Báixome aquí. Ata logo.

Te puede interesar