Opinión

E de repente, maio

Despois dunha Semana Santa marabillosa, deu volta o tempo e volveu por outra semana o inverno. Pero neste loita eterna entre o sol e a chuvia, entre a alegría de vivir no exterior, digamos que na natureza ou na grande ágora dos espazos públicos da cidade o recollemento no acubillo das casas, dos locais, gañou, de novo, como ciclicamente, o que adoitamos chamar “bo tempo” que de todo ten que haber. E chegou o tempo da “Cruz de maio”. E si, nestes días iniciais do mes das flores, Ourense foi unha festa. As rúas ateigadas -xa se sabe, ponte en Madrid, turismo e expatriados nosos, todos cara ao noroeste- e fervendo da actividade que vai sobrevivindo nesta cidade do solpor peninsular. 

E foi de novo a shopping night, boa idea, un grande éxito, un grande “suceso”, como dirían os portugueses maltraducindo a anglicismo “success”. A xente non perde oportunidade de participar na vida da cidade, por saír, por mirar, por ver, por ter boas noticias. Pola vida en positivo... Tamén, algo, por comprar. Os comerciantes, agobiados polo cambio de paradigma histórico -as compras online, son parte da historia- moi contentos ó ver a xente aproximarse aos seus negocios. A shopping night si, paréceme unha boa idea, cun nome horroroso. Como o black friday. Igual que amo o inglés, desacóuganme os anglicismos nas miñas linguas latinas. Paréceme triste que “noite de compras” -ou “noche de compras”, en castelán- non teñan o mesmo tirón, por falla de referentes externos mundializantes -en certo sentido aborregantes- para promover un novo costume social como ese de saír, simplemente, unha noite de compras. 

En fin. Pero non, se cadra non foron os comercios os principais beneficiarios. Se cadra foi o ánimo e a vida. Noite de compras, jazz en Santa Eufemia, logo día dos Maios, Día da Nai... Activación do comercio e moito máis. Ao día seguinte, tomando un viño tomei o pulso ás sensacións dalgúns dos donos dos bares. E coincidían. A noite das compras é unha moi boa idea... A xente entra nos comercios de roupa -ao final o comercio é iso, fundamentalmente roupa e zapatos-, mira, se cadra compra algo ou non, pero seguro, seguro, acababa nos viños ou nas terrazas da Praza Maior. 

O verdadeiro agosto en maio foi para a hostelería esta fin de semana. O sábado á tarde quixen reservar nun restaurante para o medio día do domingo e case se rin de min en todos os sitos aos que chamei. “Desde o mércores está todo reservado”, dixéronme en Outarelo. “Todo ocupado”, contestaron no Pingallo. E así un tras outro media ducia. Cambio de plans. Menos mal que queda o pulpo e a empanada na casa. No meu pulpeiro de referencia, onda o Cosaga, encarguei a primeira hora e, cando fun por el, quecía o seu teléfono buscando reforzos: acabara co pulpo e precisaba máis, moito máis. Vinte e cinco persoas, trinta, na cola da San Diego en Amoeiro pola empanada de zamburiñas encargadas o día anterior. Non daban feito. Duascentas persoas vistas na cola da Romántica ao pasar. (Non sei se nos estaremos amadrileñando con isto da asunción da cola como algo normal.) Non veu mal, tampouco, que cadrase bo tempo e estarmos nun oasis entre eleccións. Recuperar a rúa e a vida normal é o que queremos todos. A ver se pasan rápido as seguintes votacións e calma todo un pouco. Ben nos cómpre un pouco de acougo, ilusión e tensión vital. 

Te puede interesar