Opinión

... E leccións, as xustas

Pois si. Vai haber eleccións. Galegas. Tocaba. Case. É boa cousa arrimar o marco un pouco para aquí para que coincidan coas dos vascos. Desde logo. Para ben case deberían coincidir todas as autonómicas. Como as municipais. Pero seica hai dinámicas políticas que non o permiten. Vale. Pero se fose así, optimizaríamos preocupacións e tempo. Se cadra esvaeceríase “a particularidade” de cada un no conxunto, o que se podería considerar bo ou malo, segundo o lugar e actitude desde onde se mire. Pero aforrar, algo habíase aforrar.

E si, nesta precampaña permanente na que estamos instalados, resúltam simpático o ver como o presidente de Galicia, que parece pouco radical nas cuestións de identidade, é acusado de “nacionalista galego” por un extremista paleonacionalista coa mesma intensidade que o acusan do contrario outros da outra banda. E supoño que o Alberto sorrí encantado. Campaña gratis que o sitúa no centro. O que está por tras é claro: a identidade, a asunción fonda de identidade, neste caso a galega, non está vinculada univocamente á expresión do nacionalismo político. Aí, nese campo, no nacionalista, recuperará presenza o BNG e está ben que así sexa. Porque do que se gaba o Núñez tamén o pensa o BNG de si mesmo: previsibilidade. 

Xa saben, sabemos, o que hai e o que se pode esperar de cada un. Por iso intúense un fluxo de simpatía entre Pontón e Núñez, ambos interesados en restarlle o contrarrestarlle aos socialistas o plus do Goberno central e da corrente que suscita. En fin, parece que este triplete de “tente teso” de Núñez perante o casadismo mesetario, a negativa do pan e da auga a Ciudadanos e a Vox, e esa falla de vontade de marchar a facer política a Madrid, poden satisfacer o nivel de identidade colectiva asumida polos galegos. A baza que xoga o Alberto é clara: quere aparecer fiel aos seus compromisos, pois nin marcha, nin se comba ao que lle din “os seus” de Madrid. A súa forza homónima, pois o PPG ten personalidade xurídica de seu. E claro, eses que escangallaron alá o partido con divisións e saíron derrotados en varias eleccións seguidas, non pode decidir nada -inda que si dicir o que queiran- da estratexia galega. 

Os consellos, depende. Imaxinemos aos xogadores do Español tratando de darlle leccións ou orientacións aos do Barça. O Messi abriría a boca. En privado, Núñez fará algo parecido. Atrévese co pobre Alfonso Alonso, cola de rato no País Vasco, ten a lóxica da fera política, pero co Núñez, cabeza de león na súa comunidade, cae fóra do sentido común... porque non poden, claro, pero mandan recado. En fin, despois de tres maiorías absolutas, de momento (38-41-41), debe saber máis de como chegarlle ao elector galego que os que o acusan de “separatista” ou que lle aconsellan pactar botando as contas da leiteira. A escolla de lemas e tamaños está aí e non é inocente. O de “Galicia é moito” da precampaña foi comentado con estrañeza na planicie de fóra porque non entendían o que quería dicir a frase. Parece como se os conservadores do noroeste lle dixesen aos seus de Madrid: “E leccións, as xustas”. 

Te puede interesar