Opinión

En Montederramo, documentación e tronos

Ooutro día -o 17 de setembro- presentouse no mosteiro de Montederramo o libro do grandísimo investigador, da Universidade de Santiago, Ramón Lorenzo, “Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices”, que foi elaborado ao longo de trinta anos polo serio profesor da Mahía. A verdade é que foi unha festa grande, un xuntoiro, da cultura culta. E non é unha redundancia, cultura culta, senón unha aclaración, se cadra hoxe precisa, para identificar o que é froito da preparación, do esforzo , do coñecemento tamén libresco, da reflexión profunda, da investigación académica, e que se pode opor, por unha parte, á cultura popular -a que responde unicamente á utilidade ou goce inercial no seo do pobo, construción de cabaceiros ou creación e canto de cantigas populares- ou por outra, á infracultura, á bazofia dominante na televisión e no mundo das redes, que podíamos identificar, cun exemplo para entendernos, coa Isla de los Famosos, ou calquera cousa do Matamoros ou Belén Esteban, por usar dous personaxes famosos, que non importantes. 

Pois ben, é preciso gabar a excelente e importante, esta si, obra. Máis de mil oitocentos documentos de entre os séculos XI e XVI transcritos exactamente, con paixón de ourive filolóxico por Ramón Lorenzo, cuns índices toponímicos e onomásticos que recollen máis de once mil persoas e oito mil lugares, e que se vén unir a outras que publicou o autor en Ourense da man do fenecido Instituto Padre Feijoo de Estudos Ourensáns da Deputación. Certamente, como todos os especialistas saben, Ourense é terra enormemente privilexiada en canto á documentación. Non só do Concello, senón da Catedral e dos mosteiros todos da provincia, consérvanse das coleccións de documentación máis importantes de España –a da Catedral só superada, seica, polas de Santiago e Toledo-. A documentación dos mosteiros está en varias localizacións pero maiormente fóra de Galicia, sobre todo no Arquivo Histórico Nacional por avatares da desamortización. Dos mosteiros de San Estevo, Santa Cristina, Oseira, Xunqueiras de Ambia e Espadanedo, Celanova, Melón, Priorato, etc., temos coleccións documentais feitas por especialistas (Benito Fernández Alonso, Martínez Sueiro, Leirós, Ferro Couselo, Duro Peña...) e tamén actuais, como Miguel Romaní, Lucas Álvarez, Pilar Rodriguez, Anselmo López, Andrade Cernadas, Cambón Suárez, Carril Carril, Enríquez Paradela, Fernández Suárez, Losada Meléndez, Martínez Sáez, Pereira Ferreiro, Sáez, Serrano y Sanz, Soto Lamas, etc. Unhas transcricións están feitas por historiadores -non lles interesa en exceso a forma senón só os contidos- e outros, como a colección actual, son absolutamente fieis aos textos orixinais e polo tanto moi útiles tamén para as cuestións de evolución da fala.

Ao que vou é a que me gusta moito ver a Deputación dándolle vida aos mosteiros e colaborando para que as excelencias musicais que este verán houbo neles: A “Sacroxira” de Luar na Lubre polos mosteiros de Ourense -Santo Estevo, Rocas, Montederramo, Monterrei, e que acabará en Xunqueira de Espadanedo o día 27-; a xira de Carlos Núñez que o levou a San Estevo, Oseira, Monterrei e Celanova. E tamén, as visitas teatralizadas por Celanova ou as guiadas polo románico de Boborás, e outras que sen dúbida esquecerei, son síntoma de que algo se move. En fin. Podería haber público para visitas guiadas ó románico da provincia a saír os sábados pola mañá desde a capital, en días sinalados? Se cadra habería que explorar esta vía. Se cadra cumpría unha institución cultural pública ourensá para xerar o impulso cultural e turístico ao redor do noso patrimonio. O nome de Padre Feijoo ben podía servir. 

Te puede interesar