Opinión

Ecos dunha broma centenaria

O outro día relía no artigo que sobre a rúa de Cervantes escribiu o amigo Rafael A. Salgado, a vella historia do concelleiro de Mombuey que iniciara os cambios de nome das rúas de Ourense e que, seica, quixera trocar o de Regueiro Fozado por “Arroyo Turbio”, etc. E voulles falar do tema, pois, ata onde eu sei, non é certo. Vexamos.

Corría a noite do 12 ao 13 de abril do ano 1849 cando se derrubaron dúas casas na Praza da Ferraría; dous mortos. O xefe político con mando en praza, Juan de Perales -tipo subdelegado do Goberno pero con poderes amplos- ditou que se procedese a unha revisión de todas as casas. Para iso, tres individuos do concello, o enxeñeiro da cidade e mestres de obras, revisarían todos os edificios da cidade, un a un. Empezarían a tarde dese día 13 e xa o 25 presentaban un informe preciso e precioso que nos dá os nomes de 40 rúas e prazas da cidade e o estado de cada casa. Era alcalde don Evaristo Pérez Miranda e tenente de alcalde Ramón Pedrayo Silva, avó de Otero Pedrayo. 

Esta desgracia e estudo impulsaron a reforma e actualización da cidade que se quería facer moderna, como todas as de España. Lembremos o parto do novo estado iníciase coas reformas de Javier de Burgos en 1833. Aquí, daquela -finais dos 30 e anos 40 do XIX- abriuse o instituto, a rúa do Progreso, o Cemiterio de San Francisco, derrubáronse as portas da cidade, etc. etc.: febre modernizadora. E desde os elementos máis conscientes na construción deste novo estado -normalmente masóns- potenciaban referentes de identidade común. E se os Reis Católicos ditaran no seu día que as casas do Concello se asentarían na mellor das prazas da cidade que se chamaría “mayor”, pois agora, eles buscaron referentes históricos e outros de simboloxía máis ou menos esotérica, como as propias loxias. E por toda España hai, nesta mesma época, un proceso semellante de substitución de nomes de gremios ou dedicacións -Zapateiros, Leña, Herba...- por novos nomes. Así, por toda España hai calles de Isabel la Católica, Hernán Cortés, Pizarro, pero tamén Unión, Libertad, Paz, Amargura, Desengaño, Olvido, Primavera, Estrella. O nome de “Progreso”, por exemplo, encontrámolo por todo o mundo occidental, ata onde chegaron as influencias dos reformistas (Progress Street, Rue du Progres, Via del Progresso, Strasse des Fortschritts, Rua do Progresso...). É un proceso global, que non particular da cidade, e non foi impulsado por ningún invasor, senón polo alcalde Pérez Miranda e o avó de Otero, Pedrayo Silva. Entendíano como parte da modernización da cidade. Os concelleiros presentes na aprobación dos cambios, o día 16 de marzo de 1850, foron os dous ditos e os señores Gómez Nóvoa, Nóvoa Varela, Gómez Gil, Gómez de Vicente e Sáenz.

E cando Adrio Menéndez escribe o seu marabilloso libro “Del Orense antiguo”, introduce, como tantas outras, a broma que lle contaron de “Arroyo Turbio” e “Patata fina”, etc., pero aclara: “Desde luego que lo que hemos de consignar carece de control de garantía que ofrecer pudiera la copia de un documento oficial...”. Efectivamente, nas actas do concello nada aparece, pero fai simpática unha lectura tan interesante. Que sexa inverosímil, tanto ten. 

Te puede interesar