Opinión

Eleccións galegas, expertos, etc

Opinión

Eleccións galegas, expertos, etc

Pois xa se convocaron eleccións. E a min paréceme ben. Primeiro porque as opinións políticas pouco me valen: non lembro nunca ter oído nada positivo de ningunha oposición sobre que algo fixese ningún goberno. En fin, por poñer algo próximo, baleirar os almacéns de libros do Concello regalándoos o Día das Letras. Pois boa cousa, desde logo. E non ten nada que ver cos disparates habituais. Cada cousa é cada cousa. E é así, diga ou faga Agamenón ou o seu porqueiro. Pero iso de “faga quen o faga” parece que é só asumible polo “cidadán común” ou sexa o non abducido ata a perda da capacidade de razoamento polo seguidismo filopartidario. Ben sabemos todos que o mesmo mesmiño proposto ou feito por un ou por outro pasa de ser marabilloso a abominable. Se un goberno central de dereitas chega ter confinados aos cidadáns nas casas, os outros dirían que é fascismo. E se é a esquerda, pois os de Serrano falan do comunismo. 

En fin, a min, miren que cousas, paréceme que se a onda da enfermidade reinante está baixa, e antes de que chegue a segunda volta ou a marabunta madrileña,  pois non é mala cousa votar e deixa a cousa tranquila catro anos. Imaxinen  o canto deslexitimizador ó final non se desen feito eleccións antes de outubro e ter que inventar unha prórroga máis alá dos catro anos de goberno. Pero a min, de verdade, o que me gustaría sería que as fixesen o domingo. Si, convocalas do 18 para o 24 de maio. E chega ben. E por suposto sen mitins, sen campañas, sen anuncios na tele, sen trapalladas. Que regalasen bolígrafos, vale. Incluso gorras. Pero da cháchara por altavoces, dos debates televisivos de “ti máis” ou “ti peor”, de ciscar papeis e papeletas, de postos no Paseo para saudar aos amigos...  estamos cheos.  E informados, de máis. Non podo imaxinar a alguén que estea pensando cambiar de voto polo que lle digan estes días.

O que é curioso é o tema dos “expertos”. Imos ver. Os expertos non é deus con distintos nomes. Un “experto” é só un “perito” -o mesmo étimo, experitus-, unha persoa que sabe moito de algo, pero as conclusións ás que chegan, poden ser distintas e mesmo opostas. E esa contradición é inherente ao avance da ciencia. O exemplo máximo é a diverxencia entre os que aconsellan  no da pandemia ao Goberno de Suecia e aos outros. Un xuíz falla así e outro asado ante o mesmo. Haberá expertos en fútbol que digan que é mellor o Barça có Madrid, e viceversa. E cal ten razón? No da pandemia, espero que os que ditan as normas. E si, a vertixe do político ao mando é ter que decidir cal, entre un mollo de opinións, todas expertas e documentadas. 

En fin, voulles arriscar unha intranscendente opinión. Experto, eu, en praias cheas, pois móvome entre Praia América e Sanxenxo nos veráns. Non vai caber a xente; o das cuadrículas é inmanexable. Propoño outra solución.  Partamos de que á praia vaise porque hai mar. E o mar é para bañarse. Así pois, un corredor desde os paseos ata a auga. Primeiro, obrigatorio, bañarse, 10 minutos nadando, e logo 20 minutos en plan lagarto para secarse, e veña, seguinte turno. E como hai que lle dar de comer tamén aos bares, despois da media hora de praia -chega ben-, a tomar algo nos bares locais. E preferencia para escoller turno, claro, aos que paguen algún IBI no concello. Os outros, á cola, ás sobras. Se as hai.  Haberá expertos que estean en desacordo. Nin eu o teño moi claro. Como a pandemia mesma.