Opinión

Emigrantes e inmigrantes

Unha das marabillas das nosas linguas latinas é a facilidade que temos para construír palabras a base de engadirlle vellas preposicións a lexemas con significados máis ou menos difusos, para concretalos, modificalos, cambialos ou contradicilos. Por exemplo normal e anormal. Por exemplo, pulsar, expulsar, impulsar. Por exemplo, probar, comprobar, reprobar. Algunhas familias destas son amplísimas, por exemplo traer: extraer, retraer, contraer, subtraer, distraer, atraer, detraer, etc.

Por outra banda sabemos que as palabras gástanse e pódense connotar negativamente. Así cambian os significantes -as formas, as palabras- pero seguen sendo os mesmos significados, os conceptos, as cousas, o que está por detrás. E canto máis sensible socialmente sexa o tema, máis velocidade hai no “queime” destas palabras e na busca doutras que suavicen o concepto. En América do norte chamábanlle hai cen anos “nigger” ao que despois foi “black” e logo “couloured” e logo “afroamerican”. En España, en relación coa inmigración úsase, como ben saben, o politicamente correcto na actualidade, “subsahariano”. Se falamos da evolución de inutilidad, invalidez, minusvalía, discapacidad... chegamos a 2005 no que o Foro de Vida independiente, promove “diversidad funcional” e tal se fai xeral. Os promotores das novidades lingüísticas esparexen a idea de que o que non usa a última achega está facendo un desprezo a todo un colectivo. 

Agora xuntamos as dúas ideas e aparece con forza nos medios o abuso do inexistente substantivo “migrante”. E vén desa mestura de ousadía, lingüística e pensamento lixeiro, e que alguén cre que cambiando a palabra inmigrante por migrante modifica algo. O único é que o que usa migrante quere dar unha imaxe de si, máis solidaria e avanzada, de estar máis “à la page”, que o que usa inmigrante. E se cadra, acaba impóndose a palabra, pero, ao meu ver, sen xeito. Migrar é moverse. Por iso falamos da migración do ñu en África ou das migracións dos suevos. Pero falando da xente, sempre que hai unha migración, as persoas son inmigrantes onde chegan e emigrantes de onde saen: unha cara e cruz que levamos todos dentro. Así pois, dado que non somos andoriñas, nin está nos nosos xenes andar errantes e posto que somos animais mamíferos, gregarios e sedentarios, non somos animais migrantes. Participaremos en migracións, e uns verannos como emigrantes e outros como inmigrantes. Os que chegan de África non son turistas nin se moven por moverse. Só por deixar aquelo -emigrar- e vir a isto -inmigrar-.

E entre estes inmigrantes, por outra banda, non existe a posibilidade lóxica de que os haxa que viaxen sós, de tres ou catro ou dez anos. Non hai nenos que un día tal decidan vir e paguen ás mafias en 3.000 ou 5.000 euros para que os pasen a Europa. Non son nenos millonarios que viaxan sós. Supoño que pais, con boa intención, encargaranlles a veciños que traian aos seus fillos a Europa. Outros, haberá, que os vendan. En calquera caso, son obxecto de tráfico, de mafias, pois eles, pobriños, non deciden nada. E Europa, cínica. Non é solución pechar as portas inhumanamente, á italiana, por suposto; pero tampouco abrir porta e arca de par e par e actuar ao ditado das mafias que controlan Libia. Asistencia humanitaria, toda. Intervención directa -militar, se cómpre- no norte de África, alí onde non hai estado, a que faga falta. A inxenuidade e o boísmo só fai medrar ó facherío como en Italia, ou Austria. Hai que actuar doutra maneira. Pero, claro, tan fácil é opinar como debe ser difícil gobernar.

Te puede interesar