Opinión

Enmascarados

Apalabra “máscara” seica vén do árabe e ten que ver con burla ou algo así. Curiosamente, na lingua romana, a palabra que se usaba no teatro para o elemento que cubría a cara facía referencia a capacidade de proxectar o son cara os espectadores, por iso era “per sonare”, e de aí, dando voltas e reviravoltas chegou á nosa “persoa”. Somos, pois, en certo xeito, fillos da impostura teatral. Ou máis suave, da interacción entre nós e o que nos rodea.

E estes días andamos coa grima de ver a todo o mundo coa cara cuberta, como atracadores, e desacougados oímos que “veu para quedar”. E creo que, en calquera caso, debemos racionalizar o uso das máscaras para seguir sendo persoas interactivas.  Por exemplo, sería disparate que os locutores da televisión levasen a cara tapada, non o fan; pero ségueno facendo os correspondentes que saen á rúa. E xa me dirán se non poden manter a distancia co cámara. E non debían levar máscara pensando en dúas cousas: a imposibilidade para as persoas xordas de leren nos labios e, a sensación de desacougo que producen.  O labor principal dos medios, creo,  non debería ser intranquilizar ás xentes, senón facer que, con calma, nos  vaiamos afacendo a vivir nesta nova situación. Igual que ninguén nos desacouga coas 650 mil persoas que morren no mundo todos os anos por gripe, tal vai haber que ir facendo co covi 19. Porque non é razoable pensar que se da gripe hai vacina desde hai bastantes anos e morre esa xente toda, dun golpe, zas, decóbrese un remedio para este novo mal -por certo, que se acepta vacina nesta ocasión desde o 50% de protección- descóbrese unha vacina, digo, fanse cinco mil millóns de doses nun par de días, poñémonolas, tiramos coas máscaras e botamos unhas risas. Pois non. Non vai ser así. Hai que afacerse, coidarse, e deixar de mirar as cifras de positivos que obsesionan. Ou é que imos a iniciar todos os días do resto das nosas vidas os telexornais coas cifras de hopitalizados, UVI e mortos? Vaise facer unha festa negra cando cheguemos ao “morto un millón” como a do turista un millón? E cando cheguemos aos 10 millóns? e aos 100? Debemos destensar a vida. O mundo cambiou e a nosa escala de valores, tamén. Hai que reinventarse. En fin, nada de baixar a garda, nada de negacionismos, pero nada de vivir só para protexernos do covi-19. Protexámonos e vivamos.

E si, neste momento asumindo algunhas vantaxes da máscara (igual ser feo que guapo, poder abrir a boca cando nos aburrimos, botarlle á lingua a quen nos pete, aforrar en fundas de dentes, maquillaxes e barras de labios...), temos que convir en que son máis os inconvenientes: recoñecemos mal aos interlocutores, e sobre todo, apáganse os sorrisos... 

E lembrábame dunha historia que me contaba a miña avoa, sobre máscaras e entroido. Dicía ela -mestra progresista da república casada cun socialista besteiriano- que fixeran ben prohibir as mascaritas cando a guerra. Porque os meses que pasaran ata o carnaval de 1937, deran para acumular odios e malquerenzas, de forma que naqueles días houbo algúns axustes de contas con saldo de mortes. E tanto daba que os odios fosen nun sentido ou noutro. Había para todos. Así pois, prohibiron o entroido; non estaban as cousas para festa. Agora, parecido, a cousa tampouco está para festa, pero hai que taparse obrigatoriamente. Como cambia o mundo! 

Te puede interesar