Opinión

Errores de deseño

Con isto da pandemia descubrín un novo erro de deseño: teño unha orella máis alta cá outra. Nunca reparara no tema. Nunca medira as orellas nin a distancia relativa aos demais elementos da cara. E sigo sen facelo, pero unha cuestión de empirismo puro lévame a esta dedución: cando me apertan as gomas do bozo -ou máscara- unha das orellas revíraseme para abaixo e a outra non. Non lles podería dicir se é a dereita ou á esquerda, porque me parece que é a esquerda pero, ao mirarme no espello, está do lado dereito... ou ao revés, non sei. En fin, o meu problema de lateralidade esquerda/dereita non ten solución. Ao principio, xúrollelo, pensei que o da orella revirada era un erro da máscara, pero despois de probas varias de todas as categorías, isto é: artesás, sanitarias, cirúrxicas, FFP2 (chamadas FP2 como o vello nivel da Formación Profesional de segundo grado, en vez de FFP2, acróstico de Filtering Face Pieces, level 2, ou sexa de eficacia de filtración do 92%), digo, despois de probar varias brancas e negras, non hai dúbida: ou hai unha confabulación mundial secreta para venderme mascarillas defectuosas, cunhas gomas que van a diferente altura sen que se note, ou ben teño unha orella máis alta cá outra. E como na navalla de Ockhan, supoño que a explicación máis fácil será a correcta. E se puiden vivir ata aquí sen sabelo, poderei seguir vivindo sabéndoo. Pero pensando nos erros de deseño vin outros que me molestan moito máis, e dos non se lles pode traspasar a responsabilidade aos proxenitores ou ás leis de herdanza xenética. Indicareilles dous e espero que estean de acordo, porque senón, son un repunante, e por tal non me teño.

Imos co primeiro: os USB. Estou seguro que cun pouco máis de interacción técnica-deseño poderían ter logrado algo como os enchufes da casa onde é irrelevante que se o enchufe vai para arriba ou para abaixo. Os portos USB na súa parte femia, na que vai no ordenador, teñen conexións sutís, débiles, e de tanto meter e sacar mal o macho, ou sexa o pendrive, sofren, e acaban facendo mala conexión. Daquela probamos noutro porto ata que os acabamos de estragar todos. Cantos de vostedes non tiveron algún problemiña así? Cantos intentos por metelo ao revés, e forzando a conexión? Cantos chistar de lingua solitarios ou cantas humillantes chamadas de atención sufridas, “estalo metendo ao revés”?

Vou co segundo, parecido pero peor. As conexións dos mini USB dos móbiles. Hai que ter a vista aguda dun espécime humano de menos de trinta anos para detectar á primeira e sen esforzo, onde vai a minicurvatura do elemento de conexión. É habitual que exerzamos demasiada presión no macho, aínda que vaia ao revés, sobre a femia incrustada no teléfono, e forcemos o elemento de conexión interno. Así andamos todos en determinados momentos movendo de arriba para abaixo a conexión e empeorando as cousas, pois de tanto abanear, acaba por derramarse de todo. En calquera caso, cando o pousamos, a conexión desconéctase. E leva un a arranxar o móbil... e dinlle que non compensa.

E se fixésemos un cálculo de informacións e tempo perdidos por cada un, de lixeiras contrariedades por estalo facendo mal, ou de cabreos intensos por derramar aparellos ou pezas, convirán comigo en que cumpría parase un pouco máis no tema e non esquecer a importancia do deseñador na planificación de calquera elemento. Pero estamos afeitos a convivir cos erros e nin nolo cuestionamos. Como a vida mesma.

Te puede interesar