Opinión

ESCOITADO AO PASAR, MEDIDAS COVID-19

Ooutro día fun tomar uns viños e como hai tempo que vexo pouca tele, non sabía que me tiña que recoller antes das once. E cando tal me indicaba o do bar, ó ver que acabara xa o mencía e o completo, e reparando eu que xa estaban recollendo as mesas, achegouse outro cliente, un tanto atoutiñante por tardeiro e un pouco chispa, deses que antes soportaban as barras de pé e agora topenexan sentados nas mesiñas pegadas á parede, e explicoume, ó seu xeito, as medidas. Transcribo o que lembro do que lle puiden entender entre a lingua que non lle daba moita volta e a máscara cirúrxica por baixo do nariz. E vai e dime:

-Mira, agora nas festas, se queres invitar a cear a un cerre perimetral non convivente, podes facelo, sempre que o cerre sexa maior de idade, pois se é menor non conta; e podes xuntalo con ata dous núcleos familiares, ventilando cada hora dez minutos, ou con seis persoas -sen contar mascotas- se trae feita unha PCR de como moito 48 horas antes, ou un test de antíxenos de antes das once da noite, porque despois non se pode, a non ser que sexa en Cataluña que pechan ás seis da tarde. 

-Perdoe, pero non quero convidar a ningún cerre perimetral. Só quero facer as cousas ben e cos tempos que corren é ben mellor celebrar a Páscoa de Resurreción, na Semana Santa que a Páscoa do Nadal, agora. E facendo as cousas seguras.

-Seguras? Non é tan difícil. Se pos unha máscara FP2 que teña aprobada a ESO sen pendentes, dúas cirúrxicas homologadas de farmacia ou tres do chino, e xuntas ata as seis da tarde a dez menores de dez anos, non contan. Non é como xuntar dous internos de residencias distintas cos seus núcleos familiares fóra dun concello de nivel 3, sen peche perimetral, pero con toque de recollida ás seis da tarde. Ademais, podedes facer a cea nas terrazas do patio de luces normalmente, cos adultos achegados responsables que convivan co antíxeno ou co perimetral na casa, se están os antíxenos sentados cada metro e medio desde 24 horas antes e saquen as máscaras só para beber o viño achegado polos cuñados. Iso que tamén, din, que se pode usar na mesa un filtro do café cunha gomas detrás das orellas, e nese caso non é preciso sacar a máscara para beber, sempre que o viño non teña bisulfitos e un PCR na adega de saída, de como moito, 48 horas antes. Claro que se é en Valencia ou Aragón pode ser máis complicado.

-Perdoe, a vostede chóvelle ou está pra retellar.

-Oia! Sen faltar. Só lle quero explicar as cousas. Que nin sabía que había que estar na casa desde as once -as dez en Canarias, menos en Tenerife-. Eu levo tragado todas as informacións desde que empezou a podremia e téñoo ben claro, que inda me chama todos os día un amigo do Comité de Expertos. Pode recitarlle as medidas todas para cada lugar, día por día e para onde cargan. Mire, se quere ir a Santiago a ver a catedral restaurada ou a exposición de Nós, pode. Non vai poder! Precisa un papel, un salvoconduto, onde conste un resultado negativo PCR feito ás probas do antíxeno achegado non convivente, 24 horas antes, ou se conviven, 48 horas, agás en Cataluña onde pechan as seis. E debidamente xustificadas pola empresa as necesidades do traslado e os tests, sempre, claro, que non poida levar unha copia compulsada ante notario pre covid-19, do Libro de Familia que dea fe da veracidade do reagrupamento do núcleo, e pase un control da Garda Civil de Tráfico que o fará soprar e tomarlle a temperatura rectal. 

-Rectal? –dixen arregalando os ollos-.

-R-e-c-t-a-l! -contestou lentamente antes de pór os seus en branco e caer para atrás. 

Boas festas e sentidiño. Cóidense. Ninguén o fará por vostedes.

Te puede interesar