Opinión

Excesos verbais

Un dos medios máis vellos para tratar de condicionar a opinións dos demais é presentar a realidade cun vocabulario condicionante e rimbombante. Franco, por poñer algo fácil, cando falaba da súa guerra como unha “cruzada” quería asimilala ao que se viña estudando nas escolas da confrontación entre a relixión propia e o mundo infiel. Guerra era pouca cousa, pero “cruzada” era máis e aínda demonizaba ós inimigos.

E se un di  “nicotinómanos” estalle engadindo un dramatismo feroz á condición de fumador ao asocialo con  “heroinómano”, “cocainómano” ou outras dependencias semellantes. Neste caso, pouco ten que ver que a palabra non existira previamente, pois todos sabemos como se constrúe vocabulario en base a prefixos e sufixos (“super-guay”, din ata os nenos). Así que se existen esoutras palabras -heroinómano, etc.-, por que non nicotinómano? Se triunfase, estaría no seu dereito: nicotinó (ruín e aditivo alcaloide) - mano (do grego, “tolo por”). Ben construída, aínda que superflua.

Tamén pode acontecer que as invencións non sexan afortunadas. Días atrás lin que un vil desgraciado, un mala besta, “asasinara” un can. Evidentemente, non. Para os dicionarios  e a fala común, “asasinato”, “asasino” e “asasinar” son asuntos entre persoas.  Da mesma maneira que nunca diriamos que 295 persoas foron asasinadas por pit bulls en Norteamérica entre 1982 e 2014 -dato certo, por certo-, tampouco poderiamos dicir que Coren asasina un millón de polos á semana, ou que un león famento asasinou un ñu coxo. Igualmente, coas súas distancias, non podemos dicir tampuco “asasinar unha nabiza”, aínda que ao arrincala acabemos coa súa vida. En fin, as persoas poden (no sentido de capacidade técnica, non de permiso innato) matar calquera cousa que viva, pero asasinar, só xente, e con intención.

Incluso temos un sufixo especializado nas clases de persoas que poden morren a mans doutras, que é -cidio. Repasen: suicidio, homicidio, fratricidio, infanticidio, uxoricio, parricidio, matricidio, deicidio, magnicidio, xenocidio, tiranicidio, etc.  Xa está. Igual que os asasinatos son para as persoas, o que acaba en -cidio, outro tanto. Se un falase de “porquicidio” -ou máis culto, “suidocidio”- en vez de “mata” ou “matanza”,  pois faría o ridículo, porque o sufixo -cidio, está para o que está.

Retorcer o vocabulario, a lingua, para impresionar coas palabras é un recurso que foxe dos argumentos para tratar en sobreexcitar sensacións dirixíndose á parte irracional das persoas. 

E todo isto veume á cabeza por mor do uso das hipérboles “pandemia arboricida” e “exterminio” para a corta -”tala”, en castelán- dunha árbore que había no pequeno espazo existente ao pé do Museo, grazas a que Ferro Couselo, co apoio da intelectualidade ourensá nos inicios dos cincuenta, conseguiu frear unha iniciativa para anchear a rúa Colón deica as escaleiras de Santa María, seguindo a liña dun retranqueo feito na década anterior. Gañou daquela o sentido común. Por certo, esa árbore nada ten que ver, por suposto, nin con Otero, nin coa xeración Nós, nin co Museo, nin nada diso. Fora plantada polo Concello, preto do fermoso cruceiro de Antonio Faílde, a mediados dos setenta, xunto con outra araucaria queimada, hai anos, nos excesos da noite ourensá. E despois puxo, tamén, o cabezolo de Ferro Couselo, en 1996. (Lembro a risa contida dos presentes no acto inaugural, pois puñan as letras “Xexús”; ós poucos días, corrixiron: “Xesús”). 

En fin, despois de demasiados anos de silencio cidadán ante o peche do Museo Arqueolóxico, agora, coas obras a bo ritmo sería desexable centrar as enerxías cívicas noutros temas. Por exemplo, impedir o peche das salas de exposicións do Museo Municipal ou do Centro J.A. Valente.

Te puede interesar